7/4/11

Baía Edicións, novo socio protector de Espazo Lectura

Dende Espazo Lectura damos a benvida e agradecemos a súa colaboración e compromiso co noso proxecto de dinamización lectora a Baía Edicións, que se incorpora como socio protector da asociación.
Baía Edicións é unha editorial galega de carácter xeralista fundada na Coruña en 1990. Leva desde entón editando obras de grande interese nas súas moitas liñas editoriais: libro de texto, contos infantís, xogos, literatura xuvenil e de adultos, ensaio, filosofía, gastronomía, divulgación da natureza, etc.

Os socios protectores de Espazo Lectura son, segundo os propios estatutos da organización, "aquelas persoas físicas ou xurídicas que, a xuízo da Xunta Directiva, contribúen materialmente e de forma notable ao sostemento da asociación". Baía Edicións súmase así a outras editoriais que xa forman parte de Espazo Lectura como El Patito Editorial, Ir Indo, Rinoceronte, Patasdepeixe, Edicións do Cumio, Galaxia, Kalandraka, OQO, Rodeira e Xerais. Deste xeito, entre editoras, entidades culturais como Berrobambán ou Vichelocrego Teatro, e centros de ensino, Espazo Lectura suma xa 23 socios protectores aos que a asociación lles quere expresar o agradecemento polo seu apoio.

5/4/11

Desciframos a linguaxe dos paxaros na Casa da Lectura


O mércores 6 de abril, a partir das 18.30 horas, a sesión de dinamización lectora da Casa da Lectura xirará arredor do libro Abrapalabra! (Galaxia, 2010) de Antón Cortizas. Neste libro, a lingua é máxica, as palabras lense de arriba a baixo, de esquerda a dereita... e mesmo en diagonal! Un libro ideal para aprendices de mago, magos ou supermagos.
Despois, a partir do poema "O romance dos paxariños", trataremos de adiviñar o que nos din os paxaros nas súas mensaxes cifradas.

A semana pasada, a Casa da Lectura fíxolle unha homenaxe a Les Souffleurs, comandos poéticos xurdidos en Francia en 2001 que susurran segredos poéticos a través de "reiseñores": tubos de carbón, de fibra de vidro ou de cartón. Estas son algunhas imaxes dese día, tomadas por Manuel G. Vicente.

3/4/11

O autor teatral José Luis Prieto estará no club de lectura Sete Vidas


O martes 5 de abril celebramos unha nova sesión mensual do club de lectura Sete Vidas na que se falará arredor de dúas pezas teatrais reunidas por Edicións Embora nun único volume: Monólogo do imbécil. Jánsel e Pónsel, do autor José Luis Prieto. A primeira destas pezas recibiu o Premio Max ao Mellor Autor Teatral en 2003. A cita será a partir das 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

Contaremos coa presenza do autor

A partir das 21.00 horas, José Luis Prieto visitará a Biblioteca de Gondomar para falar da súa obra cos lectores e lectoras que participen neste club.

O autor

José Luis Prieto (Narón, 1967) é un autor prolífico cunha longa traxectoria no teatro galego e numerosos premios polos seus traballos, que inclúen espectáculos infantís e traballos de docencia. Este autor adoita ser tamén actor nos seus traballos, nos que predomina o carácter cómico. José Luís Prieto recibiu dous Premios Max ao Mellor Autor Teatral en Galego: un en 2003 por Monólogo do Imbécil, e outro en 2005 por Fobias. Fobias tamén recibiu en 2005 o María Casares como Mellor Texto Orixinal.

O libro

Foi o día vinte e catro de marzo de mil novecentos sesenta. Santi Sénior e mamá pecháronse no dormitorio. Lexións de Santis A partían sen pestanexar cara a unha morte case segura. Deilles ánimos coma sempre e, acto seguido, mecido polo vaivén do testículo dereito, quedei durmido. Ao espertar, tardei en decatarme de que non era soño o que estaba sucedendo. Alí, no testículo dereito, non había ninguén. A fogosidade de Santi Sénior e mamá rematara coas reservas e o único Santi A operativo que quedaba era eu. De súpeto sonou a alarma das vesículas seminais solicitando persoal. O son da alarma significa que a exaculación é inminente. Non había excusa. Non tiña máis remedio que asumir a responsabilidade. Subín o mási rápido que puiden ata as vesículas seminais e alí agardei nervioso o momento de partir. As sacudidas fixéronse cada vez máis violentas e, por fin, despois dunha intensa subida de temperatura, o semáforo trocou en verde...


O pasado mes, o libro proposto foi Areaquente, de An Alfaya, autora coa que tivemos oportunidade de charlar. Estas imaxes correspóndese con ese día.

2/4/11

No Contomar deste luns haberá moita tea que cortar

O luns 4 de abril, o Contomar recibe a cinco profes de infantil e primaria do colexio Souto Donas de Gondomar (socio protector de Espazo Lectura): José Luis, Luisa, Belén, Begoña e Bea.
A sesión levará por título Contos con moita tea, pois as teas son o fío condutor dos contos que se que van contar: Rata linda, A princesa do Courel, O pirata Pata de Lata e O traxe novo do rei.
A actividade comezará a partir das 18.00 horas no Recanto do Contomar da Biblioteca Municipal de Gondomar.

Estas imaxes pertencen ao Contomar do luns 28 de marzo.


31/3/11

Presentación da campaña "Gondomar, lendo para medrar"


Durante os últimos anos, Gondomar destacouse especialmente por ser un concello avalado por un amplo proxecto de dinamización lectora vehiculizado por Espazo Lectura, coa colaboración do Concello de Gondomar, e desenvolvido polos voluntarios e voluntarias dunha iniciativa cívica que non deixou de medrar. O proxecto de Espazo Lectura xa foi premiado en diversas ocasións e explicado en Galicia e fóra dela, en diversos foros de España e Portugal onde esperta interese.


Logo do traballo destes anos, Espazo Lectura cre que chegou o momento de fortalecer aínda máis estreitamente a relación entre a vila de Gondomar e os libros e a lectura, conscientes de que para Gondomar, a lectura pode ser todo un símbolo e unha oportunidade para progresar, para desenvolverse, para apostar por un futuro mellor, por un futuro no que o nome da localidade se converta en sinónimo de cultura, de avance e, sobre todo, de imán capaz de atraer o interese, a curiosidade e a riqueza. Nese sentido, somos moi conscientes de que un dos índices máis significativos que se empregan para medir o grao de desenvolvemento dos países é o do nivel de lectura.


Unha proposta para singularizar Gondomar no exterior

Por todo isto, Espazo Lectura pon en marcha unha nova campaña, acompañada de diversas propostas de actuación estratéxica, destinada a fortalecer o papel fundamental que para Gondomar pode significar unha aposta decidida polo libro e a lectura. «Gondomar, lendo para medrar» é o lema desa campaña, lema que daremos a coñecer a través de diversas actuacións e que desde as propias palabras que o compoñen artella na potencialidade da lectura as posibilidades reais que a vila ten de medrar e de singularizarse cara ao exterior. Nese sentido, trátase dunha aposta ambiciosa, chea de vitalidade e de dinamismo, que mesmo pode significar un atractivo turístico para o concello dentro dese cada vez máis puxante e demandado concepto de «turismo cultural», máis singularizado e responsable.


A implicación do tecido social gondomareño

Pretendemos que Gondomar se converta nun referente ineludible da lectura e dos libros, un referente para o que queremos comprometer a todo o tecido social do concello, de xeito que o lema represente a voz decidida e plural da súa cidadanía. O lema preséntase, ademais, acompañado dun logotipo, elaborado por Lorena Fernández, que se difundirá por Gondomar, pero tamén por toda Galicia a través das distintas actuacións da campaña.


Unha aposta de futuro

Atopámonos ante unha campaña de longa duración, que é preciso manter no tempo cun esforzo e unha aposta decidida. Por iso, é necesario que se prolongue cronoloxicamente ata converter o propio lema nunha marca identificadora, que chegue a detentar a composición do propio adn da poboación gondomareña e que estea sempre avalada en feitos, en construcións positivas, en referentes de actuacións e nunha aposta decida e inequívoca polo libro e a lectura ou, o que é o mesmo, nunha aposta inequívoca polo futuro e o confort dos seus habitantes.


Seis propostas para as eleccións municipais de Gondomar

A vindeira semana daremos conta da primeira actuación da campaña: seis propostas que Espazo Lectura elaborou e enviou, como un reto, aos principais grupos políticos que se presentan ás eleccións municipais a fin de que se dean pasos decididos neste sentido. A benevolencia da acción cidadá a favor da lectura debe ser asumida agora con actuacións concretas polas institucións municipais. A lectura é unha construción nítida de futuro.

30/3/11

Espazo Lectura participa en Ballobar (Huesca) nas "V Jornadas de Bibliotecas, Lectura y Escritura"


O 1 e 2 de abril Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, e Rosana Estévez, vicepresidenta e responsable da área de dinamización lectora, participarán en Ballobar, Huesca, nas V Jornadas Aragonesas de Bibliotecas, Lectura y Escritura, ás que a asociación Espazo Lectura acude convidada polo Departamento de Educación do Goberno de Aragón. As datas teñen un significado especial, pois o 2 de abril é o Día Internacional do Libro Infantil.

Precisamente será na tarde do 2 de abril, a partir das 16:15 horas, cando Concha Costas interveña para expoñer o proxecto de Espazo Lectura na mesa redonda titulada “Dos experiencias con familias”. Espazo Lectura compartirá mesa con Itziar Zubizarreta, profesora e directora do programa vasco de animación á lectura desde bebés 'Bularretik Mintzora' (Do peito á palabra).

Antes, o mesmo día 2, entre as 11:00 e as 12:00 horas, Rosana Estévez ofrecerá na Biblioteca de Ballobar unha sesión de contacontos para nenos e nenas a partir de tres anos titulada "Contamos crocodilos".

Na páxina web das xornadas pódese consultar o programa completo.

29/3/11

Susurradores de poesía na Casa da Lectura


O mércores 30, na Casa da Lectura terá lugar unha sesión para susurrar poesía. A partir da lectura de dous libros que indagan na esencia da poesía, os nenos e nenas converteranse en susurradores de poemas. En primeiro lugar, lerase Un poema para curar os peixes, de Jean-Pierre Siméon (Kókinos), e Cantiga do mazarico, de Emilio Pita (Espiral Maior), e a partir deles os nenos sacarán versos das Sacas dos Poemas que logo susurrarán, coma se fosen asubíos do vento.
A sesión comezará a partir das 18.30 horas e unha hora antes a Casa da Lectura xa terá as súas portas abertas.

A actividade de dinamización lectora da semana pasada foi fantástica e entrañable. Catro nenos e nenas que participan regularmente nas actividades de Espazo Lectura foron os responsables da sesión de contacontos, posto que foron eles os contadores e contadoras. Ao final, todos os nenos e nenas tiveron oportunidade de se converter en contacontos, escribindo e lendo un conto entre todos. Que ben o fixeron! Estas son imaxes dese día.

28/3/11

Roberto Salgueiro no Lendo Contigo

Este mes o Lendo Contigo celebrouse en domingo e coincidiu co Día Mundial do Teatro. Por ese motivo, tivemos o pracer de recibir a un autor e director de pezas teatrais, Roberto Salgueiro, que escribiu, entre outros, o libro que lemos nesta ocasión: a peza dramática Valentino Rufini e Âkil Pillabán... que pola tarde puidemos ir ver ao auditorio municipal representada por Talía Teatro, dentro da programación cultural do Concello de Gondomar.

Durante a sesión do Lendo Contigo todo cheiraba a teatro na biblioteca municipal: as presentadoras de Roberto Salgueiro (Carme e Claudia, dúas "seareiras" deste club) convertéronse en fantásticas actrices que mesmo se puxeron na pel de Hamlet; Salgueiro falounos das súas obras, de como concibe el a escrita teatral, dos nervios previos á estrea ou de que unha peza teatral só adquire pleno sentido ao ser pronunciada enriba dun escenario.

Ao final, presentamos e sorteamos o libro que leremos durante o mes de abril: o poemario Abracadabras, de Marica Campo, e despois Salgueiro asinou exemplares da súa obra para os nenos e nenas lectores.


Foi unha sesión moi interesante que se completou pola tarde no auditorio Lois Tobío, cheo para ver a función.

26/3/11

Princesas, ratos, lobos e outras historias no Contomar

No Contomar do luns 28 contaremos, entre outros contos, A princesa Sabela, de Xerais, O gran libro dos medos do rato pequeno, de Patas de Peixe, e unha escolma das 28 historias para rir, de Kalandaka. Recibiremos ademais a visita especial de Cristina, profesora do CEIP Carlos Casares de Vilariño-Nigrán (socio-protector de Espazo Lectura), que nos traerá Un conto cheo de lobos, de OQO. Será no segundo andar da Biblioteca Municipal de Gondomar a partir das 18.00 horas.
Estas imaxes correspóndense co Contomar do luns 21, con contos e cumprecontos.