5/12/11

Exposición sobre o libro, a escrita e a ilustración no CEIP Souto Donas de Gondomar

O día 29 de novembro inaugurouse no colexio Souto Donas de Gondomar unha magnífica exposición que leva por título O libro, escritura e ilustración. A mostra fai un percorrido dende o Paleolítico, co nacemento das primeiras manifestacións gráficas, ata os nosos días, pasando por Sumeria, Exipto, China, Roma, o Medievo e a revolución da imprenta.
As visitas poden facerse pola mañá en horario lectivo e os martes pola tarde de 16:00 a 19:00 horas (previo aviso para grupos).
A exposición permanecerá aberta ata finais de abril, principios de maio.

Estas son varias imaxes do día da inauguración.





2/12/11

Espazo Lectura participa nun café literario con Manuel Rivas dentro da programación do Culturgal

O Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia, inclúe no seu programa de actividades diferentes encontros de membros de clubs de lectura con autores e autoras da literatura galega, denominados cafés literarios. Espazo Lectura foi convidado a participar nun Café co escritor e xornalista Manuel Rivas, polo que un grupo de persoas asiduas aos nosos clubs de lectura conversarán este sábado 3 de decembro con Manuel Rivas sobre diferentes aspectos da súa obra.

1/12/11

Iníciase o proceso de desafectación do espazo que hoxe ocupa a Casa da Lectura


O pleno do Concello de Gondomar aprobou hoxe por unanimidade iniciar formalmente o proceso de desafectación da casa do mestre e da antiga escola de preescolar de Donas, espazo que hoxe ocupa a Casa da Lectura. Logo desta aprobación do pleno, o Concello terá que enviarlle a solicitude e a documentación necesaria á Consellería de Educación, que será a que decida finalmente a desafectación do inmoble para que o Concello de Gondomar poida dispoñer do seu uso. Espazo Lectura solicitáralle xa á anterior corporación municipal que se iniciasen os trámites deste proceso e reiterou logo esa petición dentro das 6 propostas que lle presentou aos partidos políticos que se presentaban ás pasadas eleccións municipais. Neste sentido, Espazo Lectura quere manifestar publicamente a súa satisfacción polo feito de que o pleno aprobase esa proposta por unanimidade e agarda que o proceso poida permitir que se asine un convenio para establecer formalmente a cesión do espazo para o uso que se lle está a dar na actualidade e que, coa ampliación da casa do mestre, poidamos estudar unha mellora do aproveitamento dos dous edificios.

Espazo Lectura mantivo na pasada semana xuntanzas con membros das xuntas directivas da Asociación Veciñal e da Comunidade de Montes de Donas para presentarlles o proxecto, convidalas a coñecer a Casa da Lectura e informalas do inicio do proceso de desafectación. Mantivemos tamén esta semana unha xuntanza co alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, e co Concelleiro de Cultura, Ignacio Troncoso, para solicitar o seu apoio na axilización do proceso, así como para debater co novo goberno municipal o marco de relacións da institución municipal e Espazo Lectura para o futuro. Agardamos que, tal e como acordamos, as relacións entre ambas as entidades queden formlizadas nun convenio que lles dea maior estabilidade.

Mañá inaugúrase o Culturgal 2011

Recomendamos a visita ao Culturgal, a feira das industrias culturais de Galicia, que se celebra os días 2, 3 e 4 (venres, sábado e domingo) de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

As persoas que se acheguen a Pontevedra poderán visitar os stands de gran parte das industrias culturais galegas (libro, creación audiovisual, artes escénicas, música, deseño, internet e novas tecnoloxías) e gozar dunha ampla programación cultural, para público adulto e infantil, que vai dende presentacións de libros e cafés literarios, a obras audiovisuais, teatro, recitais de poesía, concertos ou obradoiros.

Picando aquí podedes ver a programación literaria completa e na páxina web do Culturgal, acceder á programación completa de actividades.

29/11/11

Na Casa da Lectura abordamos a diferenza e a discapacidade

O mércores, 30 de novembro, a partir das 18.30 horas, na sesión de dinamización lectora da Casa da Lectura falaremos das diferenzas entre as persoas e dos valores que esta diferenza nos proporciona. O día 3 de decembro celébrase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade e, a partir da lectura do conto El cassó del Gerard, descubriremos a importancia dos diferentes sentidos (vista, oído, tacto, gusto...).

Se vides á Casa da Lectura este mércores, podedes traer calcetíns gordos, porque imos andar descalzos...

As seguintes imaxes foron tomadas na sesión anterior, do mércores 23 de novembro.






27/11/11

Contomar do luns


O luns 28, no Contomar leranse Troco, O ano que os pitos perderon a cabeza (publicados por OQO) e O souto escuro e perigoso (de Xerais). O contacontos comeza ás 18.00 horas na Biblioteca e Gondomar.

Lembramos que o luns 5 de decembro non haberá Contomar, debido á ponte, e o 12 de decembro teremos unha sesión especial no auditorio, onde poderemos ver a obra Os tres porquiños de Teatro do Andamio, grazas á colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar.

Estas imaxes correspóndense coa sesión do luns 21 de novembro.







26/11/11

Espazo Lectura presenta o seu proxecto en Compostela

Espazo Lectura vai presentar o sábado 26 o seu proxecto de fomento da lectura, convidados pola ASPG, dentro do programa das XII Xornadas de Expresión Oral Tíralle da lingua que se celebran os días 25 e 26 no Museo do Pobo Galego.
Baixo o título Fomento da lectura e normalización lingüística no proxecto de Espazo Lectura, presentaremos as diferentes actividades que compoñen o proxecto que a asociación desenvolve no Val Miñor ao tempo que analizaremos en que medida repercuten nun maior uso oral da lingua galega entre as persoas que participan.

24/11/11

O Lendo Contigo recibe a Silvestre Gómez Xurxo para falar de "Ti non xogas!"


O sábado 26 de novembro, a partir das 12.00 horas, terá lugar na Biblioteca de Gondomar a sesión mensual do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais.

Nesta ocasión, o libro do que se vai falar é Ti non xogas!, do escritor Silvestre Gómez Xurxo (Xerais, 2011). Se aínda non tes a guía de lectura para esta sesión, podes consultala picando aquí.


Contaremos coa presenza do autor

Silvestre Gómez Xurxo estará con nós na Biblioteca de Gondomar para charlar cos nenos e nenas que participen na actividade.


O libro

Durante unha semana enteira non parou de chover e hoxe por fin saíu un sol radiante. Pero Suso, en vez de estar a xogar ao fútbol co resto dos rapaces, está sentado nun chanzo da escaleira do patio da escola. Está aburrido e amolado. O peor é estar amolado, e estao, porque cando quería xogar Róber chimpoulle: —Ti non xogas! Non houbo ninguén que lle dixese a Róber que iso non se podía facer, que todos poden xogar e ninguén ten dereito sobre os demais. Por iso Suso está amolado, porque non soubo que facer.


O autor

Silvestre Gómez Xurxo (Beba, Mazaricos 1951) é mestre, licenciado en Xeografía e Historia e Psicopedagoxía. Director da Escola de Formación Social de Vigo. Autor de numerosos materiais educativos destinados ao ensino da lingua galega, do coñecemento do medio e de matemáticas na Educación Primaria. Coautor, xunto con Ana María Llanes, do método de aprendizaxe da lectura en lingua galega De Vagar (2003). O seu primeiro libro foi Conversas do Pai Seixas (1985). Ten publicadas as seguintes obras de literatura infantil e xuvenil: Déixao medrar (2000), novela; Ith (2001), novela Todo vai ir ben (2005) e Ti non xogas! (2011).

21/11/11

Oso vén de visita á Casa da Lectura


A sesión de dinamización lectora deste mércores, 23 de novembro, na Casa da Lectura estará centrada na lectura do conto La visita de oso. A cita é ás 18.30 horas.

Oso está bastante seguro de que non lle gustan as visitas. Mesmo ten un letreiro. Así que cando un día un rato chama á súa porta, Oso pídelle que se vaia. Pero cando Oso vai ao armario da cociña a por unha cunca... Aí está o rato! Pequeno e gris e de brillantes olliños. Todo o que Oso quere é tomar o seu almorzo tranquilo, pero o rato, que se aparece nos lugares máis insospeitados, non pensa deixarlo en paz.

As seguintes imaxes foron tomadas na sesión do mércores 16, dedicada ao medo.

18/11/11

Contomar do luns

O luns 21 de novembro no Contomar imos ler, entre outros contos, Garavanciño (Kalandraka), Mola que chova (Galaxia) ou O señor don Nicanor (Faktoría K). A actividade comeza ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

Estas imaxes correspóndense coa sesión de contacontos do luns pasado.