17/5/11

Lectura a dúas voces na Casa da Lectura


Para a sesión do mércores na Casa da Lectura leremos a dúas voces (en inglés e galego) o libro Make Way for Ducklings do autor americano Robert McCloskey. Falaremos das familias e, posto que os días xa o permiten, faremos unha actividade de busca no xardín. Unha busca en familia onde iremos descubrindo os lugares polos que pasaron os parrulos do conto coa súa nai.

Deseguido pódense ver varias imaxes do que aconteceu durante a anterior sesión de dinamización lectora na Casa da Lectura.

16/5/11

Propostas aos grupos municipais para o fomento da lectura (4): Consello Municipal da Lectura

Espazo Lectura propón a creación dun Consello Municipal da Lectura, que estea formado por representantes de colectivos e entidades de índole relacionada coas institucións públicas, centros educativos, asociacionismo cultural e veciñal...

A misión fundamental dese Consello Municipal da Lectura debe ser elaborar un Plan Bianual de Fomento da Lectura no que se inclúan medidas e accións concretas destinadas a mellorar a presenza da lectura nos diferentes sectores sociais en Gondomar.

Neste plan as accións e iniciativas terían que ter como eixo central a Biblioteca Municipal e contarían coa colaboración ou coordinación de Espazo Lectura.

12/5/11

Rematan por este curso as sesións de contacontos nos colexios do Val Miñor

Durante estes últimos catro meses o equipo de contadores e contadoras de Espazo Lectura visitou os centros de ensino que son socios protectores da asociación con dúas sesións de contacontos: Contos de monstros e O ciclo da auga. O CEIP Chano Piñeiro de Gondomar acolle mañá venres a última destas sesións coas que Espazo Lectura quere corresponder e agradecer a importantísima colaboración destes dez centros de ensino que apoian o noso proxecto e nos axudan a facer chegar a información das actividades ás familias do seu alumnado.

11/5/11

Vento Lois


Espazo Lectura únese a Vento Lois, unha onda expansiva que se vai propagar o día 12 de maio por diferentes lugares de Galicia e do mundo en homenaxe ao poeta Lois Pereiro.
En Gondomar a cita é no café Rañolas a partir das 20:00 horas. Gonzalo Navaza será o encargado de ler o Manifesto loisista e continuarase coa lectura de textos e poemas de Lois Pereiro.

10/5/11

Viaxe á sabana africana na Casa da Lectura

Este mércores na Casa da Lectura imos ir de viaxe para coñecer os animais que viven na sabana africana e farémolo coa axuda de vídeos, imaxes e varios contos de Ricardo Alcántara: ¡Ai, que lista é miña nai!, Quero ser grande, ¡Que vozarrón ten o león! e Un amigo é un amigo. A viaxe comezará ás 18:30h, pero a Casa da Lectura estará aberta desde as 17:30h.

Nas seguintes fotografías pódense ver varios momentos da actividade da semana pasada.

9/5/11

Propostas aos grupos municipais para o fomento da lectura (3): Establecemento dun orzamento específico estable para a Biblioteca Municipal

O establecemento dun orzamento específico e estable por parte do Concello de Gondomar para a Biblioteca Municipal é absolutamente imprescindible, e faise inevitable para poder asumir as actividades incluídas no Plan Bianual de Fomento da Lectura do que falamos no seguinte punto.
Resulta incomprensible que nunca até o momento a Biblioteca Municipal contase cun orzamento propio, nin para fondos nin para actividades de
dinamización.
Ese orzamento anual para a Biblioteca Municipal de Gondomar constituirá a base da necesaria renovación e a permanente actualización dos seus fondos. Nese sentido, é misión da Biblioteca Municipal buscar o achegamento á poboación gondomareña, e, como institución pública, responsabilizarse de cumprir ese papel de servizo esencial para a educación, a formación, o lecer, a documentación e o asesoramento que cumpren as bibliotecas do século XXI.

8/5/11

Contomar

O próximo luns no Contomar vai haber sesión especial: a actividade correrá a cargo dalgunhas das persoas que asistiron ao Curso monográfico de contacontos que organizou a OMIX do Concello de Gondomar e que prepararon algunhas sesións de prácticas para realizar nos centros de ensino da zona e no Contomar. Estes son os contos que van contar: Sopra neste furadiño, A vaca que puxo un ovo, Henry o neno devorador de libros e Furacazolos e botaborrañas.
A cita é o luns ás 18.00 horas no Recanto do Contomar da Biblioteca Municipal de Gondomar.

Estas imaxes correspóndense coa sesión da semana pasada.


5/5/11

Así foi a Semana do Libro e a Lectura 2011

A programación especial organizada por Espazo Lectura en colaboración co Concello de Gondomar con motivo da Semana do Libro e a Lectura comezaba o martes 26 de maio coa sesión especial do club de cómic Lecturas Debuxadas dedicado á lectura de O burato do inferno. Durante a primeira parte da actividade, as persoas que asistiron puideron falar sobre as súas impresións tras a lectura desta novela gráfica. A partir das 21.00 horas, os autores do cómic, José Manuel e Ramón Trigo, achegáronse á Biblioteca de Gondomar para compartir opinións cos lectores e lectoras da obra.

O mércores 27 foi o momento dos nenos e nenas que se achegaron á Casa da Lectura para ver a obra de teatro de monicreques Perico, o cangrexo a cargo de Titirimaña. Unha obra de treatro baseada na obra homónima de Amparo Gómez Cuerpo publicada por Ir Indo.

O xoves 28 tocoulle a quenda á ilustración como un elemento fundamental da edición de libros. O ilustrador Fausto Isorna impartiu un obradoiro para nenos e nenas a partir de 6 anos co mítico personaxe Golfiño como protagonista.

O venres 29 celebrouse o IV Dar de ler coma quen dá de beber, o acto central da Semana do Libro no cal a lectura de textos en voz alta se converteu en protagonista. Máis de trinta persoas leron fragmentos de libros escollidos por elas mesmas diante do público que ateigou a xamonería Catro Camiños, o lugar escollido por segundo ano para celebrar este evento.

A programación especial rematou o sábado 30 con dobre sesión, unha infantil e outra para público adulto:
  • Pola mañá, a sesión do club de lectura compartida Lendo Contigo encheuse de música e poesía coa palabra da poeta Marica Campo acompañada do músico Tino Baz. Foi unha sesión máxica que engaiolou os nenos: os versos e contos de Marica Campo atraparon a todos os aistentes e Tino Baz conseguiu que todos cantasen con el cancións que non escoitaran nunca. Tamén foi un acto no que os nenos e nenas compartiron os seus tesouros máis prezados.
  • Para pechar a programación da Semana, Espazo Lectura organizou para a noite do sábado as primeiras Noites Golfas na Casa da Lectura: sesións nocturnas para público adulto nun espazo que ata o de agora só acolleu programación infantil. O acto escollido para inaugurar este ciclo foi o espectáculo poético presentado por Lucía Aldao e María Lado A Hostia en Verso: un combate poético onde dous equipos de poetas pelexan por gañarse ao público que debe votar polos poemas que máis lle gunten. Nesta ocasión combatían os poetas mafiosos contra os poetas corruptos, ou o que é o mesmo: Xavier Xardón, Lara do Ar, Elvira Ribeiro e Eduardo Estévez contra Miguel Valverde, Ledicia Costas, Fran Alonso e Daniel Landesa.

Velaquí todas as fotos da semana:



E mais as do IV Dar de ler:


4/5/11

Propostas aos grupos municipais para o fomento da lectura (2): Ampliación do persoal da Biblioteca Municipal

A Biblioteca Municipal precisa dunha persoa bibliotecaria con formación específica neste ámbito que coordine o traballo de xestión e catalogación do fondo, así como todo o necesario labor de dinamización, que podería realizarse coa colaboración de Espazo Lectura.
A Biblioteca de Gondomar debe dispoñer, como toda biblioteca pública, dun bibliotecario/a especialista, moi especialmente se temos en conta que é unha biblioteca que acolle un dos proxectos de dinamización máis amplo e variado de Galicia, desenvolvido polo equipo de voluntarios e voluntarias de Espazo Lectura, o que fai que sexa aínda máis necesaria unha persoa con coñecementos e capacidade para facer que a Biblioteca Municipal acompañe e dea resposta ás necesidades derivadas das actividades e do movemento de usuarios vinculados a ese programa de dinamización.
A nova corporación municipal debe asumir a ampliación de persoal da Biblioteca Municipal coa convocatoria desa praza de bibliotecario/a especializado, unha mellora necesaria ademais para atender a ampliación de espazo proposta no punto anterior.

3/5/11

Contando cos demais, todo é máis fácil


Este mércores 4 de maio, na Casa da Lectura, entre contos e xogos decatarémonos da importancia do traballo en equipo.
A partir da lectura, entre outros, do conto Os tres osos e mediante diferentes xogos cooperativos, aprenderemos o importante que é contar cos demais para resolver mellor os problemas.
A actividade comeza a partir das 18.30h, pero se queres pasar antes pola Casa da Lectura xa estará aberta dende as 17.30 horas.

2/5/11

"Memorias dun neno labrego", lectura de maio no club de lectura Sete Vidas


Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, cumpre 50 anos tras a súa publicación na editorial Follas Novas de Bos Aires en 1961. Dende o momento da súa saída, o libro converteuse nun dos libros máis vendidos da literatura galega e aínda hoxe segue a emocionar. Por este motivo, Espazo Lectura propuxo a lectura de Memorias dun neno labrego no club de lectura Sete Vidas.
A sesión terá lugar o martes 3 de maio a partir das 20:00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

O venres, o actor Cándido Pazó interpreta “Memorias dun neno labrego” no Auditorio Lois Tobío
A Mostra de Teatro organizada polo Concello de Gondomar trae ao Auditorio Lois Tobío, o venres 6 de maio ás 22:00 horas, a versión de Memorias dun neno labrego preparada por Cándido Pazó para os escenarios. A lectura do clásico de Neira Vilas no club de lectura Sete Vidas será unha magnífica oportunidade para gozar máis da obra teatral preparada por Pazó.

O libro
Memorias dun neno labrego é unha das novelas que fundan a narrativa galega contemporánea. Trátase dun dos libros máis lido e máis traducido da literatura galega. Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas recolle o suposto caderno no que Balbino, un rapaz de aldea que vive na década de 1940, escribe: "Vexo o mundo darredor de min e adoezo por entendelo [...] Ninguén me di para que serven as estrelas nin onde morrren os paxaros".

O autor
Xosé Neira Vilas (Gres, Val do Ulla, 1928), escritor e membro da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana é un dos autores clásicos vivos da literatura galega. Dende que en 1961 publicou Memorias dun neno labrego, pasou grande parte da súa vida fóra de Galicia. Na actualidade, reside na casa natal de Gres, convertida en sede da fundación que leva o seu nome. A súa extensa obra abrangue a prosa narrativa: Xente no rodicio (1965), Camiño bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968), A muller de ferro (1969), Remuíño de sombras (1973), Aqueles anos do Moncho (1977), Querido Tomás (1981), Tempo novo (1987), Papeis (1992), O home de pau (1999) e Relatos mariñeiros (2003); a narrativa infantil: Cartas a Lelo (1971), De cando o Suso foi carteiro (1988), Chegan forasteiros (1993); a poesía: con títulos como Inquedo latexar (1969) ou Poesía recadada (1994); as lembranzas: Lar (1974), Nai (1980), Pan (1986); e outros textos de investigación ou testemuña como a serie Memoria da emigración (tres volumes, dos anos 90), Crónicas Galegas de América (tres volumes, 2000-2002), O sarillo do tempo (2004), Xentes e camiños (2005), Arredor do mundo (2007), Lóstregos (2009) ou A presenza galega en Cuba (2010), entre outros.


A anterior sesión do Sete Vidas estivo dedicada á lectura das obras de teatro de José Luis Prieto Monólogo do inbécil. Jánsel e Pónsel, quen estivo con nós na Biblioteca de Gondomar. Estas imaxes correspóndense a ese día.

1/5/11

Segue a programación de Espazo Lectura co Contomar


Logo do calendario especial de actividades da Semana do Libro e a Lectura, Espazo Lectura retoma o calendario habitual este luns, a partir das 18.00 horas, cunha nova edición do Contomar na Biblioteca de Gondomar. Esta semana leranse, entre outros, os seguintes títulos: Minimaladas, Cando escoito o teu corazón, Confundindo historias e A princesa Sabela.
A última sesión do Contomar foi o luns 11 de abril. Estas son algunhas fotos dese día.