8/5/11

Contomar

O próximo luns no Contomar vai haber sesión especial: a actividade correrá a cargo dalgunhas das persoas que asistiron ao Curso monográfico de contacontos que organizou a OMIX do Concello de Gondomar e que prepararon algunhas sesións de prácticas para realizar nos centros de ensino da zona e no Contomar. Estes son os contos que van contar: Sopra neste furadiño, A vaca que puxo un ovo, Henry o neno devorador de libros e Furacazolos e botaborrañas.
A cita é o luns ás 18.00 horas no Recanto do Contomar da Biblioteca Municipal de Gondomar.

Estas imaxes correspóndense coa sesión da semana pasada.


5/5/11

Así foi a Semana do Libro e a Lectura 2011

A programación especial organizada por Espazo Lectura en colaboración co Concello de Gondomar con motivo da Semana do Libro e a Lectura comezaba o martes 26 de maio coa sesión especial do club de cómic Lecturas Debuxadas dedicado á lectura de O burato do inferno. Durante a primeira parte da actividade, as persoas que asistiron puideron falar sobre as súas impresións tras a lectura desta novela gráfica. A partir das 21.00 horas, os autores do cómic, José Manuel e Ramón Trigo, achegáronse á Biblioteca de Gondomar para compartir opinións cos lectores e lectoras da obra.

O mércores 27 foi o momento dos nenos e nenas que se achegaron á Casa da Lectura para ver a obra de teatro de monicreques Perico, o cangrexo a cargo de Titirimaña. Unha obra de treatro baseada na obra homónima de Amparo Gómez Cuerpo publicada por Ir Indo.

O xoves 28 tocoulle a quenda á ilustración como un elemento fundamental da edición de libros. O ilustrador Fausto Isorna impartiu un obradoiro para nenos e nenas a partir de 6 anos co mítico personaxe Golfiño como protagonista.

O venres 29 celebrouse o IV Dar de ler coma quen dá de beber, o acto central da Semana do Libro no cal a lectura de textos en voz alta se converteu en protagonista. Máis de trinta persoas leron fragmentos de libros escollidos por elas mesmas diante do público que ateigou a xamonería Catro Camiños, o lugar escollido por segundo ano para celebrar este evento.

A programación especial rematou o sábado 30 con dobre sesión, unha infantil e outra para público adulto:
  • Pola mañá, a sesión do club de lectura compartida Lendo Contigo encheuse de música e poesía coa palabra da poeta Marica Campo acompañada do músico Tino Baz. Foi unha sesión máxica que engaiolou os nenos: os versos e contos de Marica Campo atraparon a todos os aistentes e Tino Baz conseguiu que todos cantasen con el cancións que non escoitaran nunca. Tamén foi un acto no que os nenos e nenas compartiron os seus tesouros máis prezados.
  • Para pechar a programación da Semana, Espazo Lectura organizou para a noite do sábado as primeiras Noites Golfas na Casa da Lectura: sesións nocturnas para público adulto nun espazo que ata o de agora só acolleu programación infantil. O acto escollido para inaugurar este ciclo foi o espectáculo poético presentado por Lucía Aldao e María Lado A Hostia en Verso: un combate poético onde dous equipos de poetas pelexan por gañarse ao público que debe votar polos poemas que máis lle gunten. Nesta ocasión combatían os poetas mafiosos contra os poetas corruptos, ou o que é o mesmo: Xavier Xardón, Lara do Ar, Elvira Ribeiro e Eduardo Estévez contra Miguel Valverde, Ledicia Costas, Fran Alonso e Daniel Landesa.

Velaquí todas as fotos da semana:



E mais as do IV Dar de ler:


4/5/11

Propostas aos grupos municipais para o fomento da lectura (2): Ampliación do persoal da Biblioteca Municipal

A Biblioteca Municipal precisa dunha persoa bibliotecaria con formación específica neste ámbito que coordine o traballo de xestión e catalogación do fondo, así como todo o necesario labor de dinamización, que podería realizarse coa colaboración de Espazo Lectura.
A Biblioteca de Gondomar debe dispoñer, como toda biblioteca pública, dun bibliotecario/a especialista, moi especialmente se temos en conta que é unha biblioteca que acolle un dos proxectos de dinamización máis amplo e variado de Galicia, desenvolvido polo equipo de voluntarios e voluntarias de Espazo Lectura, o que fai que sexa aínda máis necesaria unha persoa con coñecementos e capacidade para facer que a Biblioteca Municipal acompañe e dea resposta ás necesidades derivadas das actividades e do movemento de usuarios vinculados a ese programa de dinamización.
A nova corporación municipal debe asumir a ampliación de persoal da Biblioteca Municipal coa convocatoria desa praza de bibliotecario/a especializado, unha mellora necesaria ademais para atender a ampliación de espazo proposta no punto anterior.

3/5/11

Contando cos demais, todo é máis fácil


Este mércores 4 de maio, na Casa da Lectura, entre contos e xogos decatarémonos da importancia do traballo en equipo.
A partir da lectura, entre outros, do conto Os tres osos e mediante diferentes xogos cooperativos, aprenderemos o importante que é contar cos demais para resolver mellor os problemas.
A actividade comeza a partir das 18.30h, pero se queres pasar antes pola Casa da Lectura xa estará aberta dende as 17.30 horas.

2/5/11

"Memorias dun neno labrego", lectura de maio no club de lectura Sete Vidas


Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, cumpre 50 anos tras a súa publicación na editorial Follas Novas de Bos Aires en 1961. Dende o momento da súa saída, o libro converteuse nun dos libros máis vendidos da literatura galega e aínda hoxe segue a emocionar. Por este motivo, Espazo Lectura propuxo a lectura de Memorias dun neno labrego no club de lectura Sete Vidas.
A sesión terá lugar o martes 3 de maio a partir das 20:00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

O venres, o actor Cándido Pazó interpreta “Memorias dun neno labrego” no Auditorio Lois Tobío
A Mostra de Teatro organizada polo Concello de Gondomar trae ao Auditorio Lois Tobío, o venres 6 de maio ás 22:00 horas, a versión de Memorias dun neno labrego preparada por Cándido Pazó para os escenarios. A lectura do clásico de Neira Vilas no club de lectura Sete Vidas será unha magnífica oportunidade para gozar máis da obra teatral preparada por Pazó.

O libro
Memorias dun neno labrego é unha das novelas que fundan a narrativa galega contemporánea. Trátase dun dos libros máis lido e máis traducido da literatura galega. Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas recolle o suposto caderno no que Balbino, un rapaz de aldea que vive na década de 1940, escribe: "Vexo o mundo darredor de min e adoezo por entendelo [...] Ninguén me di para que serven as estrelas nin onde morrren os paxaros".

O autor
Xosé Neira Vilas (Gres, Val do Ulla, 1928), escritor e membro da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana é un dos autores clásicos vivos da literatura galega. Dende que en 1961 publicou Memorias dun neno labrego, pasou grande parte da súa vida fóra de Galicia. Na actualidade, reside na casa natal de Gres, convertida en sede da fundación que leva o seu nome. A súa extensa obra abrangue a prosa narrativa: Xente no rodicio (1965), Camiño bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968), A muller de ferro (1969), Remuíño de sombras (1973), Aqueles anos do Moncho (1977), Querido Tomás (1981), Tempo novo (1987), Papeis (1992), O home de pau (1999) e Relatos mariñeiros (2003); a narrativa infantil: Cartas a Lelo (1971), De cando o Suso foi carteiro (1988), Chegan forasteiros (1993); a poesía: con títulos como Inquedo latexar (1969) ou Poesía recadada (1994); as lembranzas: Lar (1974), Nai (1980), Pan (1986); e outros textos de investigación ou testemuña como a serie Memoria da emigración (tres volumes, dos anos 90), Crónicas Galegas de América (tres volumes, 2000-2002), O sarillo do tempo (2004), Xentes e camiños (2005), Arredor do mundo (2007), Lóstregos (2009) ou A presenza galega en Cuba (2010), entre outros.


A anterior sesión do Sete Vidas estivo dedicada á lectura das obras de teatro de José Luis Prieto Monólogo do inbécil. Jánsel e Pónsel, quen estivo con nós na Biblioteca de Gondomar. Estas imaxes correspóndense a ese día.

1/5/11

Segue a programación de Espazo Lectura co Contomar


Logo do calendario especial de actividades da Semana do Libro e a Lectura, Espazo Lectura retoma o calendario habitual este luns, a partir das 18.00 horas, cunha nova edición do Contomar na Biblioteca de Gondomar. Esta semana leranse, entre outros, os seguintes títulos: Minimaladas, Cando escoito o teu corazón, Confundindo historias e A princesa Sabela.
A última sesión do Contomar foi o luns 11 de abril. Estas son algunhas fotos dese día.

30/4/11

Primeiras Noites Golfas na Casa da Lectura: A Hostia en Verso

Dentro do programa da Semana do Libro e a Lectura, a asociación Espazo Lectura celebra as primeiras Noites Golfas na Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas, Gondomar) co espectáculo poético A Hostia en verso. Será o sábado 30 a partir das 22:30 horas.

A Hostia en verso V: mafiosos vs. corruptos
O singular e itinerante enfrontamento de poetas A Hostia en verso visita a a Casa da Lectura na súa V edición. Se aínda non sabes como é unha velada da Hostia ou simplemente queres recuncar, achégate a unha nova e sempre diferente sesión deste combate lírico sen igual, no que poderás votar polo poeta que máis che encha o ollo. Sen necesidade de campañas!
A oportunidade terala este sábado, día 30 de abril, ás 22:30 horas, na Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas, Gondomar) e desta volta concorrerán aos comicios poéticos Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xavier Xardón, Lara do Ar, Elvira Ribeiro, Eduardo Estéveze Miguel Valverde ou o que é o mesmo: poetas corruptos versus poetas mafiosos!
O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, que xa sacaron da súa mente enferma un número sorpresa. Contará tamén coa intervención musical do dúa electrónico IgMig.
O público asistente, que é o máis importante de todos os artistas, verase reconfortado coa posibilidade de escoller el mesmo o equipo gañador ao longo dos tres asaltos que compoñen o combate!!!
E todo isto... de balde!!! Hai algún lugar onde che dean máis por menos, que non sexa a casa de túa nai?
Pois xa sabes. Vente animar os poetas mafiosos ou os corruptos. A nós encantaríanos verche por alí, porque sabes que todo isto que facemos non ten sentido sen a túa presenza.

29/4/11

IV Dar de ler coma quen dá de beber


Con motivo da celebración do Día do Libro o pasado 23 de abril e dentro da programación da Semana do Libro e a Lectura, a asociación Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, celebra este venres 29 de abril a cuarta edición do Dar de ler coma quen dá de beber, unha sesión de lecturas compartidas en voz alta na que unhas 30 persoas lerán fragmentos de obras escollidas por elas mesmas para compartir cos demais e recomendar. Con esta iniciativa preténdese celebrar a Semana Libro lendo.

Lecturas na taberna

O lema escollido é “Lecturas na taberna” e será a xamonería Catro Camiños de Gondomar a que acolla o acto. Con esta iniciativa preténdese reivindicar a presenza dos libros e a lectura en todos os espazos da vida e facer que formen parte da nosa actividade cotiá. O acto, aberto a quen queira achegarse ao longo da tarde, transcorrerá dende as 19.30 ata ás 22.00 horas.

A programación especial da Semana do Libro conclúe o sábado 30 con dobre sesión:
  • Ás 12.00 h, para público infantil, visita da autora Marica Campo, acompañada do músico Tino Baz, á Biblioteca de Gondomar dentro do club de lectura Lendo Contigo.
  • Pola noite, a partir das 22.30h, para público adulto, celebración da primeira edición das Noites Golfas na Casa da Lectura que consistirá no espectáculo poético baixo o formato de combate lírico chamado A Hostia en Verso e presentado por María Lado e Lucía Aldao.

27/4/11

Obradoiro de ilustración impartido por Fausto Isorna

A Semana do Libro e a Lectura ten o xoves 28 unha nova cita. O ilustrador Fausto Isorna impartirá un obradoiro de ilustración para nenos e nenas na Biblioteca Municipal a partir das 18.00 horas.
Para participar, cómpre inscribirse a través do correo electrónico de Espazo Lectura (cun límite de 30 prazas).
A actividade enmárcase dentro da programación da Semana do Libro e a Lectura que a asociación Espazo Lectura desenvolve entre o luns 19 e o sábado 24 de abril con motivo da celebración do Día Internacional do Libro.

Fausto Isorna, un dos grandes nomes da ilustración en Galicia, ideará o obradoiro a partir do personaxe Golfiño, o clásico da banda deseñada galega que regresa ás librarías da man de El Patito Editorial cun novo título: Golfiño e os invasores.

26/4/11

Teatro de monicreques na Casa da Lectura

Dentro da programación da Semana do Libro, a Casa da Lectura acolle unha sesión especial da man da compañía de teatro de monicreques Titirimaña.
Titirimaña representarán este mércores 27, a partir das 18.30 horas, a obra Perico o cangrexo, unha adaptación do conto con este título da autora Amparo Gómez Cuerpo, editado por Ir Indo.
A obra, estreada en 2009, destaca polo atractivo do seu decorado, que nos fai viaxar ao fondo do mar.

A anterior actividade na Casa da Lectura xirou arredor da reciclaxe a partir da lectura dos contos Eu non fun e O zoo de Xoquín. Estas son algunhas imaxes dese día.

24/4/11

A Semana do Libro inaugúrase cunha sesión do Lecturas Debuxadas na que participarán José Manuel e Ramón Trigo

A Semana do Libro e a Lectura 2011 arrinca o martes 26 de abril a partir das 20.00 horas na Biblioteca de Gondomar cunha sesión especial do club de cómic Lecturas Debuxadas, que recibirá a visita dos irmáns José Manuel e Ramón Trigo, guionista e ilustrador, respectivamente, de O burato do inferno, o cómic sobre o que vai xirar a sesión.
Durante a primeira hora, os lectores e lectoras poderán falar sobre a lectura desta obra. Despois, os autores achegaranse á biblioteca para charlar sobre este libro coas persoas que queiran participar.

O cómic

A novela gráfica O burato do inferno, de José Manuel Trigo e Ramón Trigo, é unha historia ambientada na Guarda no século XIX, cando os raqueiros, os piratas de terra, asaltaban e desvalixaban os barcos que facían encallar na costa aproveitando as noites sen lúa, cando prendían fogueiras que lles facían errar o rumbo...
A Guarda, Galicia, ano 1858. Xosé recibiu un día a chamada de don Elías, o párroco, para que o acompañara visitar o pai do mozo, que regresara moi enfermo da Habana. Aínda que Xosé desprezaba o moribundo, non podía negarse a aquela petición. O seu pai, Benito o Lindo, era un home endurecido pola miseria e a fame, que abandoara a súa muller cando quedou embarazada. Durante un tempo foi raqueiro e contrabandista na fronteira con Portugal; despois desapareceu. Xosé non tivo noticias súas ata que comezou a enviarlle cartos para a súa manutención. Trala morte da súa muller, Benito fíxose cargo dos gastos do seu fillo ata que este puido valerse por si mesmo. Mentres...

Os autores

José Manuel Trigo (Vigo, 1954)
Dende hai máis de 40 años é ebanista e carpinteiro. Tamén ten unha longa experiencia impartindo obradoiros de formación ocupacional.
Colabora coa Fundación Érguete de axuda ao toxicómano. O burato do inferno é o seu primeiro libro, aínda que ten colaborado na realización de guións para proxectos audiovisuais e de banda deseñada.
Ramón Trigo (Vigo, 1965)
Con 18 anos publicaba os seus traballos como ilustrador e debuxante de cómic en xornais e revistas especializadas. As súas primeiras obras pictóricas datan de 1986; dende entón adícase á ilustración de libros e a expoñer as súas obras. Entre os seus traballos máis destacados figura p álbum As luces que se acenden e se apagan ou as ilustracións de O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro.

A pasada edición do Lecturas Debuxadas estivo dedicada á lectura de Pyonyang, de Guy Delisle. Estas son algunhas imaxes dese día.

16/4/11

Semana do Libro a Lectura: do 26 ao 30 de abril en Gondomar


Con motivo da celebración do 23 de abril, Día do Libro, entre o luns 26 e o sábado 30 de abril de 2011, Espazo Lectura (en colaboración co Concello de Gondomar) organiza a Semana do Libro e a Lectura cunha programación de actividades para todos os días.
O acto central será o venres 29 de abril, cando terá lugar o IV Dar de ler coma quen dá de beber, unha sesión de lecturas compartidas en voz alta para celebrar o Día do Libro, na que unhas 30 persoas lerán fragmentos de obras que queren compartir cos demais e recomendar. Será na xamonería Catro Camiños de Gondomar entre as 19.30 e as 22.00h.

Ademais, durante a semana desenvólvese unha programación especial de actividades diarias. Este é o calendario completo:

- Martes 26 ás 20:00h (Biblioteca Municipal Gondomar)
CLUB LECTURAS DEBUXADAS. cómic proposto: O buraro do inferno. Contarase coa presenza dos autores, JOSÉ MANUEL E RAMÓN TRIGO.
- Mércores 27 ás 18:30h (Casa da Lectura, Donas, Gondomar)
Sesión especial: TITIRIMAÑA. Representación de Perico, o cangrexo, teatro de títeres baseado nunha obra de Amparo Gómez Cuerpo publicada en Ir Indo.
- Xoves 28 ás 18:00h (Biblioteca Municipal Gondomar)
OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN para nenos e nenas, impartido polo pintor e ilustrador FAUSTO ISORNA.
- Venres 29 de 19:30h a 22.00h (xamonería Catro Camiños de Gondomar)
IV DAR DE LER COMA QUEN DÁ DE BEBER, sesión de lecturas en voz alta.
- Sábado 30 ás 12:00h (Biblioteca Municipal Gondomar)
CLUB DE LECTURA COMPARTIDA LENDO CONTIGO. Club de lectura para pais e nais e nenos e nenas de 8 a 11 anos. Libro proposto: Abracadabras. Contarase coa presenza da autora MARICA CAMPO e co acompañamento musical de TINO BAZ.
- Sábado 30 ás 22:30h (Casa da Lectura, Donas, Gondomar)
NOITES GOLFAS. Para público adulto. A HOSTIA EN VERSO: recital baixo o formato de combate lírico. Presentado por María Lado e Lucía Aldao.