3/11/10

Pepe Carreiro no Lendo Contigo

O club de lectura Lendo Contigo iniciou tempada con moi bo pé. Foron máis de 30 nenos e nenas, con cadanseus pais e nais, os que se achegaron á Biblioteca de Gondomar para falar con Pepe Carreiro sobre o seu libro A noite de Samaín. Moitos dos asistentes eran xa seareiros do club, como as dúas súper presentadoras de Pepe Carreiro, pero tamén houbo moitas caras novas que desexamos que repitan experiencia.
Durante a sesión puidemos falar con Pepe Carreiro dos personaxes do libro, do Samaín, dos celtas e dos castrexos, coñecimos lugares novos da xeografía de Galicia e puidemos ver en directo como debuxa o autor que deu vida aos Barbanzóns e tamén aos Bolechas.

O próximo mes, volverémonos xuntar para falar de A abella abesullona, e coñeceremos ao seu autor Manuel Janeiro. Temos unha cita!

2/11/10

A vella Lulula visita a Casa da Lectura


Este mércores Carmen Campo vai traer á Casa da Lectura unha convidada moi especial. Trátase de A vella Lulula. Con ela contruiremos un tendal moi especial, lavaremos a roupa e colgarémola a secar, a pesar do agoiro de tormenta... Que pasará?
Como todos os mércores, a actividade comezará ás 18.30 horas.

A semana pasada, na sesión de dinamización lectora as protagonistas foron as ras. Estas son algunhas fotografías que o fotógrafo Manuel G. Vicente tomou ese día:

1/11/10

O escritor Manuel Portas participa no club de lectura Sete Vidas

O martes 2 de novembro, celébrase unha nova xuntanza do club de lectura Sete Vidas.

Nesta ocasión, a novela escollida é Denso recendo a salgado do autor nado en Barcelona Manuel Portas.

Será na Biblioteca de Gondomar a partir das 20.00 horas.


Contaremos coa presenza do autor

A partir das 21.00h o propio autor, Manuel Portas, achegarase para compartir as impresións dos lectores e lectoras sobre o libro.


O libro

Denso recendo a salgado (Xerais, 2010) son os fragmentos dun espello escachado por un golpe; as páxinas dunha intensa novela con moitas novelas dentro; unha historia de historias fragmentarias e ocasionais, tecida con fíos multicolores de personaxes que se entrelazan dende unha aparente desconexión inicial para acabar nunha frenética sinfonía vital, tráxica e vibrante, trepidante, delicada, por veces romántica, e a un tempo crúa e dura como a realidade que lle serve de marco de referencia.

Ao longo da novela, aparecen vidas anónimas e singulares que teñen en común a pertenza a unha xeración de mozos e mozas nados nunha vila mariñeira que podería ser calquera das que se deitan na Ría de Arousa. Coas súas mudanzas de ritmo, cos panos de fondo das bateas, do narcotráfico e de Compostela, Denso recendo a salgado e como unha montaña rusa que nos fai sentir a vertixe da existencia.


O autor

Manuel Portas (Barcelona, 1960) é profesor de lingua e literatura galegas no ensino medio compostelán. Amais da súa colaboración en obras de carácter didáctico e publicacións de tipo pedagóxico, é coñecido polo seu labor no campo da análise sociolingüística, onde salienta Lingua e sociedade na Galiza (1990), obra de referencia obrigada na sociolingüística galega. Colaborador habitual da prensa compostelá, a súa dedicación á res pública levouno a participar en política e formar parte do goberno municipal de Santiago ao longo de dous mandatos. Denso recendo a salgado (Xerais, 2010) é a súa primeira novela.

28/10/10

O Lendo Contigo comeza nova tempada celebrando o Samaín co autor e ilustrador Pepe Carreiro

O sábado 30 de outubro, véspera do Samaín, comeza a nova tempada do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo. Ese día falaremos do cómic Os Barbanzóns. A noite de Samaín (da editorial Toxosoutos) e contaremos coa presenza do seu autor, o coñecidísimo Pepe Carreiro, pai da exitosa serie Os Bolechas. Será a partir das 12.00 horas na Biblioteca de Gondomar.


O libro


Segundo os vellos costumes celtas, o ano divídese en dúas estacións: verán e inverno. E o paso dunha estación a outra prodúcese exactamente na noite que vai do último día de Outono ao primeiro día de Santos. A noite de Samaín. A noite de Samaín, ademais de dividir o ano, confunde o mundo do máis alá co munto terreal. E iso si xa é outra historia. Precisamente a historia da que imos falar no club, a protagonizada polos Barbanzóns, os personaxes de Pepe Carreiro que habitan no castro de Baroña, na noite do Samaín.


O autor


Pepe Carreiro
(Vigo, 1954) é iustrador e autor de banda deseñada. Foi un dos fundadores de Can sen Dono, revista que chegou a dirixir, e ten colaborado en numerosas publicacións como Teima, El Pueblo Gallego, Faro de Vigo, A Peneira, A Nosa Terra ou La Codorniz. Publicou a saga A retirada de Sir John Moore na primeira etapa da revista Golfiño, que despois foi recompilada en formato álbum por Xerais. Outras creacións súas inclúen O curral de Don Mundo, Maxistérico, O galo Camilo e Robinson. Como ilustrador para nenos ten acadado moita fama, asinando a serie Os Bolechas. Na editorial Toxosoutos viu a luz a súa serie de álbumes "Os Barbanzóns", protagonizada por unha familia castrexa que habita no Castro de Baroña.

25/10/10

Cantas cousas sabes sobre as ras?

O mércores 27 poderás coñecer unha ra moi especial durante a sesión de dinamización lectora da Casa da Lectura, que vai xirar arredor do conto Ranilda de Mar Pavón e Chloé Rémiat publicado por OQO. A cita é ás 18.30 horas e dende as 17.30h xa se pode visitar a Casa da Lectura.
Estas son imaxes da sesión da semana pasada, na que contamos coa colaboración de Dolo Portabales.

22/10/10

Este luns, no Contomar...



Este luns no Contomar leremos, entre outros, os seguintes contos: O elefante que non era elefante, de Marta Rivera Ferrer, que narra a historia dun elefante que malia ter grandes orellas, unha bonita cola e unha longa trompa négase a aceptar que é un elefante, e ¿E ti, que farías por min?, de Fina Casalderrey, a historia de amizade entre Malta e Marqués, dous cans en apuros que se alimentan dos restos de comida atopados nas rúas. Ambos son libros publicados por Edicións Xerais.
A actividade, para nenos/as a partir de 3 anos e seus pais/nais, comeza ás 18.00h na Biblioteca de Gondomar.

Imaxes do Contomar do 18 de outubro

21/10/10

Espazo Lectura participa en Bilbao nas xornadas "Pequeños lectores, grandes mundos"

O 22 e 23 de outubro Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, participa en Bilbao nas xornadas “A LIX como elemento de aprendizaxe e convivencia“ encadradas no proxecto Pequeños lectores, grandes mundos desenvolvido conxuntamente pola editorial Ibaizabal e o centro cultural e de ocio Alhóndiga Bilbao, sede das xornadas.

Será na tarde do 22 de outubro cando Concha Costas interveña na mesa redonda titulada “Experiencias de mediación lectora en LIX” para expoñer o proxecto de Espazo Lectura.

Espazo Lectura compartirá mesa con outras iniciativas de fomento da lectura de diferentes puntos do Estado, como o programa Leer juntos de Ballobar (Huesca), Municipi Lector do Consell de Lectura de Catalunya ou Liburuen altxorra de Galtzagorri elkartea.

Na páxina web de Pequeños lectores, grandes mundos pódese consultar toda a información sobre as xornadas.

19/10/10

Chegou o outono á Casa da Lectura



Este mércores 20 de outubro, na sesión de dinamización lectora da Casa da Lectura, imos darlle a benvida ao outono con dous contos: Xaime e as landras de Tim Bowley e Un gato na árbore de Pablo Albo.
Despois, empregando as nosas mans, imos apreixar a estación do ano das follas secas e das castañas.
Como cada mércores, a actividade será a partir das
18.30 h e unha hora antes as portas da Casa da Lectura xa estarán abertas.

Imaxe de Manuel G. Vicente durante a sesión
da semana pasada na Casa da Lectura

17/10/10

O mestre norteamericano Will Eisner abre a tempada do Lecturas Debuxadas

Este martes 19 de outubro retomamos as sesións do club de cómic Lecturas Debuxadas. A partir das 20.00 horas, as persoas que queiran achegarse á Biblioteca de Gondomar poderán compartir impresións sobre a novela gráfica Contrato con Dios (Norma Editorial) do estadounidense Will Eisner, un dos grandes mestres do cómic mundial.

Contrato con Dios
é unha das súas obras máis coñecidas e admiradas. Cando se publicou por vez primeira en 1978 cambiou o rumbo da historia da banda deseñada dando á luz a primeira novela gráfica, coa que o cómic entrou no mundo adulto con historias máis maduras e profundas. A edición de Norma Editorial recolle tres historias situadas nun mesmo barrio americano que amosan o Eisner máis conmovedor e universal.
En Viñetas desde o Atlántico, a gran cita galega do mundo do cómic que se celebrou do 9 ao 15 de agosto na Coruña, ofreceuse este ano unha gran retrospectiva deste clásico norteamericano. Tamén durante o verán soubemos que Contrato con Dios vai ser levado ao cine.

14/10/10

O Sete Vidas reiniciou a súa andaina

O club de lectura Sete Vidas iniciou o 5 de outubro a nova tempada coa asistencia de máis de 15 persoas que previamente leran a novela escollida para retomar a actividade tras o descanso do verán: Kitchen, da autora xaponesa Banana Yoshimoto.
Tras a primeira hora, durante a cal os participantes comentaron as súas impresións sobre a novela, incorporouse á tertulia a tradutora Mona Imai, quen tamén traduce a obra de Murakami ao galego.
Mona falounos das particularidades e dificultades da tradución dende o xaponés e desvelounos claves da cultura xaponesa presentes na obra de Yoshimoto.
Estas son dúas imaxes da sesión.


O próximo mes, reunirémonos na Biblioteca de Gondomar para falar da novela Denso recendo a salgado (Edicións Xerais) e teremos oportunidade de falar co seu autor, Manuel Portas, que participará na sesión. Será o martes 2 de novembro a partir das 20.00 horas.

12/10/10

Quen dixo que dous máis dous son catro?

Iso será na clase de matemáticas. Nós, na Casa da Lectura, imos inventar números imposibles da man de Gianni Rodari. Tamén descubriremos os números naturais, os primos, os infinitos, os chineses e ata os romanos. E para rematar faremos unha suma infinita coa infinita colaboración dos nenos e nenas que se acheguen o mércores 13, a partir das 18.30 á Casa da Lectura para gozar dunha nova sesión de dinamización lectora.

Estas imaxes corresponden á da semana pasada, cando o músico Servando Barreiro encheu de música e contos a Casa da Lectura.

11/10/10

Unha película sobre a lectura

Hoxe luns, a Oficina de Formación de Espazo Lectura organiza unha acción rápida que consistirá en asistir ao cine Imperial da Ramallosa para ver a película Mis tardes con Margueritte, película protagonizada por Gérard Depardieu que trata o tema da lectura.
As persoas interesadas en acudir a ver a película en grupo, quedaremos dez minutos antes do comezo na porta do cine. A película proxéctase ás 10.45 da noite.
Máis información sobre o filme: