26/4/09

II Dar de Ler

Fotografía da segunda edición do Dar de ler coma quen dá de beber, que se celebrou o pasado 23 de abril na Praza de Abastos de Gondomar. Na imaxe, o alcade Antonio Araúxo e a presidenta de Espazo Lectura, Concha Costas.

24/4/09

Gloria Sánchez, no Lendo Contigo

Mañá sábado, 25 de abril de 2009, ás 12.00 horas, a escritora Gloria Sánchez estará en Gondomar para participar nunha nova sesión do club de lectura compartida Lendo Contigo que organiza Espazo Lectura. O libro proposto nesta ocasión é Dez piratas, publicado pola editorial Obradoiro, e sobre el falará a autora, que se desprazará desde Santiago de Compostela para compartir este acto con todas as nenas e nenos asistentes. O encontro terá lugar na Biblioteca Municipal de Gondomar e está dirixido nais e pais e nenos e nenas de 8 a 11 anos.
Gloria Sánchez, autora dunha obra infantil atrevida e renovadora, traducida a varias linguas, estará á disposición dos nenos e nenas do Val Miñor para responder todas aquelas cuestións e curiosidades que poidan xurdir arredor do seu libro, e para intercambiar opinións sobre a literatura e sobre o mundo.
A este club de lectura compartida adoitan asistir entre 50 e 60 persoas, entre nenos, nenas, pais e nais; a actividade pretende fomentar o diálogo familiar arredor do libro e a lectura.

Gloria Sánchez (Vilagarcía de Arousa, 1958) ten dúas fillas, máis de dúas ducias de libros publicados e unha árbore metida nun tarro, e gústalle coidar dela. Como autora abordou todos os xéneros: a narrativa, a poesía e o teatro, caracterizándose pola orixinalidade e a renovación. Entre as súas obras destacamos: Fanfarrios (Xerais, 1991), Rimas con letra (Xerais, 1991), Bichos con gaseosa (Bruño, 1992), O capitán Ro e o gato Bo (Xerais, 1994), Pé mais eu (Rodeira, 1994), Doutor Rus (Rodeira, 1995), A raíña de Turnedó (Xerais, 1996), Sete casas, sete bruxas e un ovo (SM, 1998), A casa de vidrio do señor Clin (SM, 1999), Teatro Feroz (Galaxia, 1999), Chinto e Tom (SM, 2001), Matapitos.com (Xerais, 2003), Peluso (Edelvives, 2003), A galiña da paz (Rodeira, 2003), Contos con letras (SM, 2003), Rimas con letra (Xerais, 2004), Frangulla (Edelvives, 2004), Adiviñas de animais (Obradoiro, 2004), Rato pincho (Galaxia, 2004).

22/4/09

II Dar de ler coma quen dá de beber. Lecturas no mercado

O 23 de abril, Día do Libro, de 19.30 a 22.00 horas, na Praza de Abastos de Gondomar, Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, organiza a segunda edición da sesión de lecturas compartidas en voz alta, Dar de ler coma quen dá de beber. A entrada é libre e cada quen poderá permanecer o tempo que desexe, sen necesidade de seguir o acto na súa totalidade.
Esta vez quixemos quitar os libros e a lectura dos seus ámbitos máis habituais (a biblioteca, a casa, a escola...) e levalos a un lugar público para achegalos así a outros espazos da vida cotiá e facelos máis visibles.
Ese día, o posto do mercado onde se van realizar as lecturas encherase de libros das editoriais socias protectoras de Espazo Lectura: Galaxia, Kalandraka, Oqo e Xerais.

20/4/09

Semana do libro e a lectura

Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, organiza unha completa programación para a Semana do Libro (do 20 ao 26 de abril).
  • Luns 20, ás 18.00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar: Contomar, sesión de contacontos para nenos e nenas de 3 a 9 anos.
  • Luns 20, ás 20.00h, na libraría Libraida: charla-coloquio co escritor Miguel Anxo Murado. Acto organizado en colaboración con Libraida e editorial Galaxia.
  • Martes 21, ás 20.00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar: Club Lecturas Debuxadas. Cómic proposto: Aventuras de Cacauequi, de Jacobo Fernández. Contaremos coa presenza do autor.
  • Xoves 23, día do libro, de 19.30 a 22.00h, na Praza de Abastos de Gondomar: II Dar de ler coma quen dá de beber. Lecturas no mercado. Sesión de lecturas en voz alta. Fragmentos de libros elixidos polos propios lectores e lectoras.
  • Sábado 25, ás 12.00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar: club de lectura compartida Lendo Contigo, para nais e pais e para nenos e nenas de 8 a 11 anos. Libro proposto: Dez piratas, de Gloria Sánchez. Contaremos coa presenza da autora.

19/4/09

Mañá, Miguel Anxo Murado en Libraida

O martes 14 de abril celebramos a sesión do Club de Lectura Sete Vidas dedicada á lectura de O soño da febre de Miguel Anxo Murado.
Mañá, 20 de abril, para completar esta sesión, visitaranos o autor para falar da súa obra cos asistentes ao Sete Vidas e con todas as persoas que se queiran achegar.
O encontro será na libraría Libraida ás 20.00 horas.
Esta actividade está organizada conxuntamente por Espazo Lectura, Libraida e Editorial Galaxia.

17/4/09

Jacobo Fernández no Club Lecturas Debuxadas

O martes 21 de abril, ás 20:00 do serán, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar a xuntanza do Club Lecturas Debuxadas que estará dedicada a comentar o cómic Aventuras de Cacauequi, edición anotada.

Será unha sesión especial do club porque se contará coa presenza do autor, Jacobo Fernández.

Aventuras de Cacauequi foi premiada no III concurso Castelao de BD da deputación da Coruña. Jacobo está nominado como autor revelación 2008 no 27º Salón Internacional do Cómic de Barcelona.

14/4/09

Ler

Rosa Aneiros publica no Xornal de Galicia a seguinte columna de opinión sobre a próxima celebración do Día do Libro.
Ler
Aprendín a ler sen que ninguén se decatase. Cando a mestra seguía ensinando aos outros nenos a xuntaren o eme co a, había xa tempo que eu coñecía a solidariedade que tecen entre si os signos escritos, as súas combinacións infitinas e os sons marabillosos (...). Ninguén se decatou. Lin coma unha posesa, primeiro ás agachadas, e despois, cando me pareceu que transcorrera o tempo normal de aprendizaxe, á vista de todos, mais tendo moito coidado de disimular o meu interese e o pracer que me proporcionaba. A nena fráxil convertérase nunha alma famenta. Aos doce anos deixei a escola para traballar na casa e mais nos campo cos meus pais e os meus irmáns. Aos dezasete, casei”. Así di Renée, a protagonista d´A elegancia do ourizo de M. Barbery. A súa é unha historia de ficción pero para millóns de nenas convértese na única realidade. Por iso a Unesco dedica o vindeiro 23 de abril –Día Mundial do Libro á alfabetización cunha mensaxe clara: “Open books, open doors”. Porque cando aprendemos a ler e a escribir, aprendemos a abrir as portas.

9/4/09

Miguel Anxo Murado no Club de Lectura Sete Vidas

O martes 14, ás 20:00 do serán, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar a xuntanza de abril do Club de Lectura Sete Vidas que estará dedicada a comentar o libro de relatos O soño da febre de Miguel Anxo Murado.
Esta vai ser unha sesión especial porque se verá completada o día 20 de abril coa presenza en Gondomar do autor do libro, Miguel Anxo Murado.
A libraría Libraida, Galaxia e Espazo Lectura organizan un encontro con Miguel Anxo Murado aberto a todas as persoas que queiran participar para falar de O soño da febre ou de calquera dos outros títulos deste escritor.
O encontro co autor será o luns 20 de abril, en Libraida a partir das 20.00 h.

31/3/09

O ilustrador Óscar Villán celebrará con nós o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil


O vindeiro xoves 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, Espazo Lectura, en colaboración coa Concellería de Cultura de Gondomar, ofrecerá un obradoiro de ilustración a cargo de Óscar Villán, gañador do Premio Nacional de Ilustración no ano 1999 polo seu traballo no álbum O coelliño branco.

O obradoiro está dirixido a nenos e nenas de 7 a 10 anos, comezará ás 18.00 horas na Biblioteca de Gondomar e vai ter unha duración aproximada de 1h 15'.

30/3/09

Biblioteca "Agustín Fernández Paz" en Gondomar

O IES Auga da Laxe (Gondomar) celebrará mañá martes, 31 de marzo, ás 18:00 horas, un acto para poñerlle o nome do escritor Agustín Fernández Paz á biblioteca do centro.
O acto, aberto a todas as persoas interesadas, contará coa presenza de Fernández Paz. Un grupo de alumnos e alumnas lerá textos de diferentes obras do escritor e haberá unha actuación musical a cargo do alumnado da materia de Música de 2º de Bacharelato. Ademais, vaise descubrir, na entrada da biblioteca, un panel sobre a obra do autor e unha placa co seu nome.
Espazo Lectura únese á homenaxe que o IES Auga da Laxe lle vai render a un dos escritores máis representativos da literatura infantil e xuvenil galega, recentemente galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008 polo seu libro O único que queda é o amor.

Os nosos índices de lectura

Recomendamos a lectura deste artigo publicado por Manuel Bragado en Faro de Vigo (29-03-09), no cal reflexiona sobre o medre dos hábitos lectores en Galicia e o incremento da lectura en galego, segundo os últimos datos achegados polo Observatorio da cultura galega.

28/3/09

Sesión de marzo do club de lectura Lendo Contigo

Hoxe, na sesión do club de lectura compartida Lendo Contigo, contamos coa presenza de Ana María Fernández que viu acompañada polo seu home, o tamén escritor Xoán Babarro.
Ana María, antes de comentarnos cousas sobre o libro que lemos este mes (Poemas que me cantou o grilo), falounos da súa infancia, de que dende pequena quixo ser escritora, de como os seus pais agochaban á mantenta libros na casa para que ela e a súa irmá sentisen curiosidade por eles e así fomentar nelas as ganas de abrilos e lelos...
Sobre Poemas que me cantou o grilo díxonos que era un libro que sabía moito de caixóns escuros, porque cada vez que escribía un poema dedicado a algún animal metíao nun caixón e só cando tivo o caixón cheo, cun número suficiente de poemas, se decidiu a publicalos, e esa é a orixe deste poemario.
Para rematar, os nenos e nenas crearon con Ana María Fernández rimas e un poema dedicado á primavera: "Se crecen as flores é porque chegou a primavera, / se cantan os paxaros é porque chegou a primavera, / se xa non vai frío é porque chegou a primavera, / se estou máis contenta é porque chegou a primavera..."

Para a próxima sesión do Lendo Contigo propomos o libro Dez piratas, de Gloria Sánchez, autora que estará connosco na biblioteca de Gondomar o 25 de abril.