4/10/08

Este luns comeza o Contomar

O Contomar, que botou a andar no mes de febreiro de 2006, inicia unha nova tempada na que, ademais de manter as actividades de anos anteriores (contacontos, poemas, cancións, carnés con estrelas semanais, cumprecontos, etc.), introduciremos como novidade a presenza de dúas mascotas, o saco Paco e a saqueta Henriqueta, que cada semana lles traerán aos nenos e nenas contos, agasallos e outras sorpresas. O Contomar foi a actividade fundacional de Espazo Lectura.

2/10/08

Na procura da lectura-pracer

O escritor Antonio García Teijeiro, amigo e colaborador de Espazo Lectura, agasallounos esta semana coa súa columna de opinión publicada no semanario A Nosa Terra (con data 25/09/2008), onde fala da nosa asociación.
Mil grazas, Antonio, pola túa xenerosidade.

Espazo Lectura

Veño dicindo dende hai tempo que non se normalizará a lectura-pracer mentres dependa tanto da escola. Sabemos que o primeiro contacto dos cativos cos libros debe ser na casa. E sabemos que, por desgraza, non adoita ser así. Daquela, case toda a responsabilidade do fomento do hábito lector na rapazada recae na escola. Loxicamente aí ha de estar, mais penso que existe demasiada dependencia do labor educativo na LIX. Cantos nenos se achegan ás librarías, sós ou cos seus pais, para mercaren algún libro? E en galego? Case mellor non pensalo. Por iso hai que celebrar as actividades desenvolvidas por clubs de lectura e grupos que funcionan polo país. Situado no Val Miñor, Espazo Lectura é un bo exemplo do que se pode facer cando as ideas e os obxectivos son claros e as persoas saben o que queren. Espazo Lectura é unha asociación modélica, xeradora de iniciativas vivas e ambiciosas que teñen que ver coa promoción da lectura como referente de benestar social. Considera a literatura como un elemento socializador indispensable para elevar o nivel educativo, a conciencia crítica, a capacidade analítica das persoas. Gocei con eles, uns meses atrás, nun acto fermoso na biblioteca de Gondomar. Respirábase ledicia. E un, que se vai facendo maior, xa non goza en todos os lugares que visita. Espazo Lectura ilusiona cun traballo moi serio orientado cara á creación e animación de clubs lectores, á divulgación e sensibilización nos nenos e nenas da LIX en galego. E traballa fóra das aulas. Parabéns a unha asociación que fai do fomento da lectura unha aventura fascinante.

Antonio García Teijeiro

1/10/08

Vilas do libro

Vieiros publica unha nova sobre as vilas do libro en Europa, unha orixinal iniciativa de desenvolvemento rural e fomento do turismo.

30/9/08

Apoio aos mediadores

¿Será esta nova liña de axuda ao sector do libro da que se fala en convalor unha política de cambio que pode incidir no fomento da lectura? O estado francés opta agora polo apoio ás librarías e ás bibliotecas en detrimento do apoio ás editoriais. Sabendo que Francia marca modelos no ámbito do fomento da lectura e que a estratexia do país galo é das máis avanzadas de Europa, en Espazo Lectura coincidimos con este post de Txetxu Barandiarán e cremos que se cadra ese é o modelo que hai que comezar a aplicar en Galicia. Apoiar aos mediadores é apoiar aos lectores e lectoras e, non o esquezamos, iso tamén redunda en beneficio da industria editorial. Ademais, se os mediadores cumprimos ben o noso papel, unha política do libro deste tipo redundaría na calidade da produción.

29/9/08

Os Ratos de biblioteca inaugurarán o Contomar








O espectáculo Ratos de biblioteca, da compañía teatral coruñesa Trinke Trinke, é o elixido por Espazo Lectura para a inauguración do Contomar o próximo día 6 de outubro. Trátase dun espectáculo de animación á lectura que se desenvolve como unha obra de teatro, moi divertida e cómica, durante a que se contan contos e se recitan poemas, cancións e adiviñas.
Con eles, Espazo Lectura traerá á biblioteca municipal de Gondomar unha familia de auténticos ratos de biblioteca. Como xa anunciamos, mantense o horario da pasada tempada: ás 18 horas.
O Contomar é a actividade fundacional de Espazo Lectura e inicia agora a súa cuarta tempada. Por razóns operativas, toda a información sobre o Contomar será canalizada e proporcionada a partir de agora a través deste blog central de Espazo Lectura. O día 6 esperamos contar coa vosa presenza na biblioteca municipal de Gondomar.

28/9/08

Dominio propio

Espazo Lectura xa ten dominio propio e, de feito, xa se pode entrar no noso blog desde www.espazolectura.org. Con todo, para realizar enlaces a post concretos é necesario seguir empregando o enderezo de blogger.

www.espazolectura.org





.

25/9/08

Retorna o Contomar

Hoxe tivo lugar unha reunión da Comisión do Contomar, de Espazo Lectura, que está a preparar as sesións para esta nova tempada, a cuarta que cumpren estas xa populares sesións de contacontos na Biblioteca Municipal de Gondomar. Comezaremos o luns 6 de outubro ás 18 horas cunha celebración especial de apertura. Alí estaremos.


22/9/08

Sen o libro a cultura non é posible

No último número do semanario A Nosa Terra (18-24 de setembro de 2008) Fran Alonso asina unha interesante reflexión sobre o libro e a lectura:

O libro
Hai unha cuestión que os países máis avanzados de Europa nunca esquecen: no ámbito da cultura, o libro ocupa un papel central. Daquela, as súas políticas culturais aplícanse como consecuencia desa premisa. No mundo de hoxe, sen libro a cultura non é posible, pero a centralidade do libro (impreso ou, no futuro, dixital) é algo que lles custa moito aceptar ás nosas administracións, ben sexan locais, autonómicas ou centrais.
A lectura xera persoas cultas, persoas sensibilizadas e persoas creativas. Sen o libro e a lectura, non hai público para ningún ámbito da cultura; non o hai para o teatro, cine e música de calidade, que teñan consideración de arte. Ademais, hoxe non se pode sobrevivir sen ler. E non me refiro á literatura: o libro compréndeo todo. Nin sequera un matemático é quen de formarse sen libros.
Os libros e a lectura son un dos mediadores máis importantes de progreso e desenvolvemento das sociedades, comezando polas comunidades locais. Unha sociedade lectora é unha sociedade capaz. Promover o libro é tamén defender a música, o diálogo, as artes plásticas, a curiosidade científica, a investigación, a poesía, a innovación, a iniciativa empresarial, o teatro, o gusto e a sensibilidade, a protección do medio ambiente e, en definitiva, a creación dun mundo mellor. O problema é que a quen lle toca gobernar todo isto parécelle sempre tan intanxible, tan difícil de defender, que renuncia a ese principio inequívoco: o libro é o centro da cultura contemporánea. Por iso non estamos entre os países máís desenvolvidos de Europa.

Fran Alonso

15/9/08

O fenómeno bookcrossing en Galicia

Recomendamos a lectura desta reportaxe publicada onte no suplemento "Lecer" do xornal Galicia Hoxe sobre o número de libros rulantes liberados en Galicia no último mes e sobre a importancia que este fenómeno está a cobrar no noso país.
É unha mágoa que na relación de puntos bookcrossing estables que se citan, non se inclúan os que estableceu Espazo Lectura no Val Miñor e que xa están a ser utilizados polos beceiros para soltar e cazar libros.

9/9/08

Palavras andarilhas 08



A localidade portuguesa de Beja celebra a décima edición de Palavras Andarilhas, un encontro de promoción da lectura e a narración oral que vai ter lugar durante os días 24 a 28 de setembro de 2008 na Biblioteca Municipal deste municipio.
Dentro do amplísimo programa haberá contacontos, conferencias, obradoiros para aprendices do contar, mesas redondas, exposicións, feira do libro, mostra de cinema...
Para animarvos a visitar Beja, podedes ver aquí un dos momentos que se viviron en edicións anteriores:

A ilusión de ler

Logo do descanso do verán, Espazo Lectura recupera a súa actividade. Para este novo anos temos novos proxectos, máis colaboradores e moitas ideas que tentaremos ir poñendo en marcha, abrindo unha nova e ilusionante etapa de consolidación.

Tras o éxito da Noite na biblioteca, celebrada a finais do pasado mes de xuño en Gondomar, Espazo Lectura quere agradecer publicamente todo o apoio dos seus colaboradores e colaboradoras, así como o interese dos medios de comunicación. O noso obxectivo segue sendo converter a lectura en cousa de todos e todas.

A finais do pasado mes de xuño, a Xunta Directiva de Espazo Lectura celebrou unha longa reunión nunha casa de turismo rural de Belesar (Baiona) na que se fixo unha detallada valoración das actividades do pasado exercicio (analizando as enquisas feitas aos asistentes de cada actividade) co fin de ir mellorando cada vez máis o noso traballo. Abordamos cuestións organizativas da asociación, que amplía a súa nómina de colaboradores, e realizamos unha ambiciosa programación para este novo exercicio que agora comeza. Novos clubs de lectura, novos espazos de comunicación, publicacións, exposicións, novas actividades e reforzar a liña de formación serán as principais liñas que pretendemos desenvolver a partir de agora, con citas que habemos dar a coñecer pouco a pouco.

Seguimos traballando con ilusión. Benvidas e benvidos e moitas grazas polo voso apoio constante.