31/5/11

Contando mentiras na Casa da Lectura


Este mércores a Casa da Lectura vai acoller unha sesión na que contaremos historias que falan das mentiras e as súas consecuencias e de cousas que non son o que aparentan ou que teñen dobre sentido. Da man de contos como Pinoquio (na versión adaptada de Baía Edicións), Paco Trolas (OQO) ou Oh! (Kalandraka), xogaremos ás adiviñas visuais e comprobaremos se é certo iso de que nos medra o nariz cando contamos mentiras. A cita é, coma sempre, ás 18:30h, aínda que a Casa da Lectura estará aberta desde as 17:30h.
A seguir, varias imaxes da sesión do mércores 25 de maio.

29/5/11

Despídese o Contomar ata a próxima tempada

Este próximo luns 30 de maio o Contomar depedirase até despois do verán cunha sesión que estará centrada no libro Sopa de soño, de José Antonio Ramírez Lozano (Kalandraka). Tere, Rosa, Irene e Luís, os coordinadores do Contomar, transformaranse en cociñeiros e ofrecerannos receitas de palabras e historias para alimentar a imaxinación dos nenos e nenas. Ademais, nesta última sesión, imos entregar tamén os agasallos para os nenos e nenas que teñan máis estrelas de asistencia nos seus carnés nesta tempada do Contomar.
Espazo Lectura retomará despois do verán as sesións semanais de contacontos que desde hai cinco anos celebramos na Biblioteca Municipal de Gondomar. Despedímonos agradecendo a participación das familias que cada semana nos acompañan na cita do Contomar e agradecenedo moi especialmente a colaboración das nais e pais que se animan a contar contos facendo posible este proxecto colectivo de fomento da lectura.

A contunuación deixámosvos un vídeo publicado no blog Paporrubio con algunhas imaxes da sesión da semana pasada, na que contamos coa presenza dun equipo de profesoras do CEIP Chano Piñeiro.

26/5/11

O Lendo Contigo despide a tempada cunha observación astronómica nun monte veciño

O Club de Lectura Compartida Lendo Contigo muda o seu día e hora habituais para celebrar a última sesión da tempada. Será na noitiña do venres 27 de maio, a partir das 21:00 horas, cando comece na Biblioteca Municipal de Gondomar o programa especial de despedida que rematará cunha observación astronómica. Nesta ocasión, o libro que centrará a actividade é Un veciño cheo de sorpresas de Víctor Raga, publicado dentro da colección O Club da Ciencia de Edicións Xerais.
O libro
Un veciño cheo de sorpresas é o primeiro número da interesante colección de divulgación científica editada por Xerais O Club da Ciencia.
Martiño e Helena, os protagonistas desta serie, cóanse na terraza do señor Viramontañas. Gustaríalles ver as estrelas a través do seu telescopio. Pero o seu veciño ten un problema moi gordo e teñen que axudarlle a resolvelo. En troques, o señor Viramontañas ensinaralles os misterios marabillosos do Universo. [Presentación editorial]

Observación astronómica nun monte veciño
A partir desta historia, que divulga dun xeito ameno conceptos relacionados co Universo, desenvolverase o programa especial de despedida de tempada que culminará coa saída ao monte Cepudo (preto do Alba) para realizar unha observación de estrelas guiados por membros da Agrupación Astronómica Rías Baixas.
O programa comezará ás 21.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar, alí falarase sobre o libro de Víctor Raga, e Francisco Novoa, presidente da Agrupación Astronómica Rías Baixas, fará unha pequena charla divulgativa para explicar o que imos ver no monte.
Arredor das 22.00 horas farase unha merenda-cea nun parque de Gondomar e, arredor das 23.00 horas, trasladarémonos ao monte Cepudo, onde estarán agardando tres membros máis da Agrupación con telescopios para poder facer unha observación astronómica.

Con esta sesión, o Club de Lectura dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos e seus pais e nais remata a tempada 2010-2011. A actividade reanudarase tras o verán.

24/5/11

Artes plásticas e ilusións ópticas na Casa da Lectura deste mércores


A partir dos contos Para facer un retrato dun paxaro e O cadro máis bonito do mundo, achegarémonos ás artes plásticas xunto cos nenos e nenas que queiran acompañarnos este mércores, 25 de maio, a partir das 18.30 horas, na Casa da Lectura.

Deseguido pódese ver un resumo en imaxes da sesión do mércores 18 de maio, na cal contamos coa colaboración de Darcey que nos leu o seu conto preferido, Make Way for Ducklings. Moitas grazas!

23/5/11

"Asterios Polyp" centra o Lecturas Debuxadas de maio


O martes 24 temos unha nova cita co club de cómic Lecturas Debuxadas. Nesta ocasión, o cómic que centrará o encontro será Asterios Polyp, unha novela gráfica de David Mazzucchelli, a quen xa coñecemos polo seu traballo xunto con Frank Miller en Batman. Año 1. Será na Biblioteca Municipal de Gondomar a partir das 20.00 horas.

Asterios Polyp é un home de mediana idade cunha carreira pouco satisfactoria como arquitecto e profesor, esteta e mulleireiro cuxa vida está completamente descontrolada cando o seu apartamento de Nova York se incendia. Nun estado de aturdimento deixa a cidade e trasládase a unha pequena vila en pleno corazón dos Estados Unidos. Pero, é isto unha forma de escapar da realidade? [presentación editorial]

21/5/11

Contomar

A sesión do Contomar do luns 23 estará a cargo de catro profesoras do CEIP Chano Piñeiro (Carmen, Dolo, Pili e Estela) e vanlles contar os seguintes contos a todos os nenos e nenas que queiran asistir xunto coas súas familias: Os petos de Loreto; A lúa ladroa; As manoplas de Carapuchiña e A vella Lulula. A actividade comeza ás 18.00 horas no Recanto do Contomar (segundo andar da Biblioteca Municipal).

A seguir pódense ver varias imaxes do Contomar do 9 de maio, onde as persoas que asistiron
ao Curso monográfico de contacontos que organizou a OMIX do Concello de Gondomar realizaron unha sesión de prácticas.


20/5/11

Programa de contacontos nos centros de ensino: curso 2010/2011

Igual que en anos anteriores, o equipo de dinamización de Espazo Lectura percorreu os centros de ensino que son socios protectores da asociación con varias propostas de fomento da lectura: A maxia, Petróglifos, Monstros e demais e O ciclo da auga. Participaron nas sesións nove centros de ensino: CEIP Chano Piñeiro (Gondomar), CEIP Souto-Donas (Gondomar), CEIP Serra-Vincios (Gondomar), CEP Xosé Neira Vilas (Gondomar), CRA Antía Cal (Gondomar), CEIP Belesar (Baiona), CPI Cova Terreña (Baiona), CEP A Cruz (Nigrán), e CEIP Carlos Casares (Nigrán).
Todas as sesións se realizaron nos propios centros agás a do CRA Antía Cal que tivo lugar na Casa da Cultura de Gondomar.
Con estas actividades Espazo Lectura quere achegar o seu traballo de fomento da lectura a todas as aulas do Val Miñor e agradecerlles aos colexios citados a súa colaboración na difusión do traballo da asociación.
Moitas grazas ao equipo de contadores e contadoras (Irene, Luís, Rosa, Trini e Rosana), que con palabras, silencios, xestos, música… e libros tratan de engaiolar os nenos e nenas coa lectura.

19/5/11

Propostas aos grupos municipais para o fomento da lectura (6): Constitución de Gondomar como 1ª Vila do Libro de Galicia

Propoñemos, como punto final, un proxecto de grande envergadura: a constitución de Gondomar como primeira Vila do Libro de Galicia.
Existe unha rede internacional de Vilas do Libro que se agrupan na IOB (International Organisation of Book Towns).
Son pequenas vilas rurais que foron creando infraestruturas con apoio institucional (librarías, bibliotecas, pequenos museos) e programacións estables arredor do libro e o fomento da lectura, de xeito que conseguiron converter esta oferta nun atractivo cultural, económico e turístico de primeira orde, o que sen dúbida impulsou o seu crecemento e a súa proxección exterior.
Evidentemente, esta proposta levaría implícita a posta en valor de todo o pratrimonio cultural de Gondomar: xacementos arqueolóxicos, patrimonio etnográfico, patrimonio arquitectónico, industria cultural, patrimonio natural...
Esta proposta deberá contar co apoio e a contribución institucional necesaria de diferentes organismos, liderados polo Concello de Gondomar (Mancomunidade do Val Miñor, Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, etc).

18/5/11

Vento Lois no café Rañolas

Estas imaxes recollen varios momentos do recital expansivo en homenaxe a Lois Pereiro organizado por Espazo Lectura en Gondomar e celebrado o día 12 de maio no café Rañolas. Non estamos todos os que lemos, pero é unha boa mostra do que pasou ese día.
Grazas a todas as persoas que participaron!

Propostas aos grupos municipais para o fomento da lectura (5): desafectación do espazo da antiga escola de educación infantil de Donas

Espazo Lectura propón a xestión da desafectación do espazo da antiga escola de educación infantil de Donas dependente na actualidade do CEIP Souto-Donas, así como da casa do mestre que se atopa no mesmo eido, co obxectivo de complementar o actual proxecto da Casa da Lectura, que Espazo Lectura xestiona e desenvolve na antiga escola desde maio de 2009, cun proxecto máis amplo que incluiría un Museo do Conto, a fin de crear un singular espazo cívico dedicado á lectura.
Trataríase de crear un proxecto conxunto que incluiría a Casa da Lectura, o Museo do Conto, así como o Bosque da Lectura, dando pé ao primeiro proxecto museístico do Concello de Gondomar, así como a un espazo totalmente singular na oferta cultural de Galicia.
Este proxecto podería converterse nun importante centro de dinamización que ofrecese actividades de fomento da lectura e exposicións arredor do mundo do libro e dos contos, cunha programación estable que sería pioneira en Galicia e constituiría, sen ningunha dúbida, un referente e un punto de encontro.
Evidentemente, o proxecto precisaría o aval e o apoio das institucións públicas.

17/5/11

Lectura a dúas voces na Casa da Lectura


Para a sesión do mércores na Casa da Lectura leremos a dúas voces (en inglés e galego) o libro Make Way for Ducklings do autor americano Robert McCloskey. Falaremos das familias e, posto que os días xa o permiten, faremos unha actividade de busca no xardín. Unha busca en familia onde iremos descubrindo os lugares polos que pasaron os parrulos do conto coa súa nai.

Deseguido pódense ver varias imaxes do que aconteceu durante a anterior sesión de dinamización lectora na Casa da Lectura.

16/5/11

Propostas aos grupos municipais para o fomento da lectura (4): Consello Municipal da Lectura

Espazo Lectura propón a creación dun Consello Municipal da Lectura, que estea formado por representantes de colectivos e entidades de índole relacionada coas institucións públicas, centros educativos, asociacionismo cultural e veciñal...

A misión fundamental dese Consello Municipal da Lectura debe ser elaborar un Plan Bianual de Fomento da Lectura no que se inclúan medidas e accións concretas destinadas a mellorar a presenza da lectura nos diferentes sectores sociais en Gondomar.

Neste plan as accións e iniciativas terían que ter como eixo central a Biblioteca Municipal e contarían coa colaboración ou coordinación de Espazo Lectura.

12/5/11

Rematan por este curso as sesións de contacontos nos colexios do Val Miñor

Durante estes últimos catro meses o equipo de contadores e contadoras de Espazo Lectura visitou os centros de ensino que son socios protectores da asociación con dúas sesións de contacontos: Contos de monstros e O ciclo da auga. O CEIP Chano Piñeiro de Gondomar acolle mañá venres a última destas sesións coas que Espazo Lectura quere corresponder e agradecer a importantísima colaboración destes dez centros de ensino que apoian o noso proxecto e nos axudan a facer chegar a información das actividades ás familias do seu alumnado.

11/5/11

Vento Lois


Espazo Lectura únese a Vento Lois, unha onda expansiva que se vai propagar o día 12 de maio por diferentes lugares de Galicia e do mundo en homenaxe ao poeta Lois Pereiro.
En Gondomar a cita é no café Rañolas a partir das 20:00 horas. Gonzalo Navaza será o encargado de ler o Manifesto loisista e continuarase coa lectura de textos e poemas de Lois Pereiro.