27/4/09

Lecturas Debuxadas: Aventuras de Cacauequi

O martes 21 de abril asistiron 15 persoas para falar de Aventuras de Cacauequi, de Jacobo Fernández.

En xeral gustou o cómic, aínda que houbo certa desorientación coa historia e certo desconcerto á hora da lectura. Practicamente todo o mundo comentou que tivo que ler o cómic dúas veces. Unha lectura toda seguida, liñal, e unha segunda lectura intercalando as notas que se chaman dende as viñetas con números.

Falouse das diversas lecturas que se lle podían dar á historia dende a subxectividade de cada un e a formulación surrealista da narración. Comentouse que os debuxos non eran fieis á realidade e como cambiaban as súas proporcións dunha viñeta a outra. Tamén se falou de que as notas axudan a pór un pouco de luz sobre o cómic e fan que se poida entrar mellor na historia. As notas conforman ademais unha serie de historias paralelas con máis gancho coa realidade ca a historia principal. Observouse que cada vez que o personaxe narra, faino dende o escenario dun teatro (a primeira e última viñeta representan un teatro); tamén se observou a complexa estrutura do cómic, con multitude de saltos temporais.

Máis tarde uniuse o autor, Jacobo Fernández, á sesión. Tivemos a gran sorte de poder ver o cómic orixinal tal e como el o debuxou. Jacobo contestou a todas as preguntas dos asistentes contándonos tamén como pensou a historia dende a súa visión artística. Díxonos que claro que existe unha historia, unha historia de amor, un tanto peculiar, pero de amor ao fin e ao cabo. Tamén nos contou que cada persoa lle pode dar unha explicación e que todas son correctas.

Ao final deunos a súa opinión sobre o estado do cómic galego.

Resumindo, unha sesión moi completa e moi interesante.

Velaquí dúas fotos:


Outros lugares onde falan de Cacauequi:

Entrecomics
Banda Deseñada
Mal papel
La cárcel de papel
En las arenas de Marte


A próxima lectura será Píldoras azules, de Frederik Peeters, o martes 19 de Maio.

No hay comentarios: