12/10/12

Club de Lectura Sete Vidas: de Antón Riveiro Coello a María Xosé Queizán

O escritor Antón Riveiro Coello estivo o pasado martes 2 de outubro compartindo a súa charla coas persoas asistentes ao Club de Lectura Sete Vidas, que se dedicou nesta ocasión á súa novela Laura no deserto, publicado pola editorial Galaxia. Durante a sesión o autor foi facéndonos partícipes da súa relación coa novela e o proceso de escrita. As fotos que reproducimos pertencen a esa xornada. 
Para a seguinte sesión, que terá lugar o día 6 de marzo (ás 20 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar) comentaremos a lectura de Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán, publicado por Xerais. Como é habitual, contaremos coa presenza da autora, que compartirá connosco o seu punto de vista. María Xosé Queizán é todo un referente da literatura galega contemporánea e pioneira do pensamento feminista en Galicia.




9/10/12

Avións para a paz na Casa da Lectura


A guerra dos números, con texto e ilustracións de Juan Darién e editado por OQO, será o conto que centrará a sesión deste próximo mércores 10 de outubro na Casa da Lectura. Un conto para a paz que manexa conceptos como o da escravitude, o abuso, a resolución de conflitos..., pero tamén unha ferramenta didáctica para familiarizarse con códigos e procesos matemáticos. A partir da lectura deste conto, os nenos e nenas construirán avións de papel e faranos voar. A sesión comezará ás 18:30h, aínda que a Casa da Lectura estará aberta xa desde as 17:30h. para lectura en sala ou para préstamo.

Deixámosvos agora algunhas imaxes da sesión coa que iniciamos a semana pasada a viaxe desta tempada na Casa da Lectura, co noso pasaporte lector para desprazarnos polo mundo dos contos.


6/10/12

Máis contos este luns no Contomar



Este próximo luns ao Contomar de Espazo Lectura chegarán, entre outras, as historias de ChocolataRita ou Non quero ser un polbo, que nos permitirán achegarnos a sentimentos tan importantes como a amizade, os afectos ou a autoestima. A cita será ás 18:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar para nenos e nenas de máis de 3 anos e as súas familias.

Deixámosvos agora algunhas imaxes da primeira sesión desta tempada, celebrada a semana pasada.






4/10/12

Dous novos socios protectores

Nesta tempada incorpóranse dous novos centros de ensino ao proxecto de Espazo Lectura como socios protectores: a EEI As Dunas de Panxón e o CEP Sabarís. Con estes dous novos centros son xa doce os colexios da comarca que son socios protectores de Espazo Lectura e que colaboran co noso proxecto facéndolles chegar ás familias do seu alumnado a información mensual das nosas actividades para convidalas a participar. Desde Espazo Lectura queremos agradecerlles a estes dous novos socios protectores e a todos os demais que apoien o noso proxecto de fomento da lectura e nos axuden a difundilo e a fortalecelo socialmente.

Ademais destes doce colexios, tamén son socias protectoras de Espazo Lectura once editoriais galegas e dúas compañías de teatro. Podedes ver todos os socios protectores aquí. Mil grazas a todos eles pola súa colaboración e o seu apoio.

2/10/12

Comeza de novo a viaxe da Casa da Lectura



A Casa da Lectura abre este mércores 3 de outubro as súas portas para dar comezo a unha nova tempada de sesións de dinamización lectora e faino propoñéndolles aos nenos e nenas unha viaxe a través de contos de diferentes culturas e países: Pedra, pau e palla, O sultán e os ratos, Mariluz avestruz e Adiviña canto te quero. Será a primeira etapa dunha viaxe polos contos que chegará ata o 12 de xuño de 2013. E como unha viaxe así merece un pasaporte, ao remate da sesión deste mércores os nenos e nenas poderán construír o seu propio salvoconduto para viaxar polo mundo dos contos: nel poderán rexistrar cada semana os libros cos que imos ir construíndo este percorrido cheo de lecturas compartidas.

Comeza así a terceira tempada de actividades da Casa da Lectura (Nogueira, 8 - Donas), que estará aberta todos os mércores a partir das 17:30h para servizo de préstamo e que acollerá cada semana unha sesión de dinamización arredor da lectura ás 18:30h. Será un pracer seguir contando con todos vós nesta nova viaxe.

Antón Riveiro Coello estará hoxe no Club de Lectura Sete Vidas

Hoxe martes 2 de outubro o Club de Lectura Sete Vidas reincia a súa andaina nesta nova tempada para centrarse na novela Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, publicado pola editorial Galaxia. Coma é habitual, a sesión do Sete Vidas comezará ás 20 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar, e a partir das 21 horas contaremos coa presenza do autor, Antón Riveiro Coello, que compartirá connosco moitas cousas do seu libro. 
Trátase da segunda novela deste autor que se le no Club Sete Vidas, xa que en xaneiro de 2009 a sesión dedicouse a As rulas de Bakunin. A novela de Antón Riveiro Coello iníciase na primavera de 1982 en Barcelona co achado dunha carta e vai espallando a súa trama por Compostela, Nova York e a Pobra do Caramiñal. O autor de As rulas de Bakunin consegue artellar unha novela na que aventura vital, epopea social e interese narrativo se xuntan.


30/9/12

Volve o Contomar


Espazo Lectura abre mañá a súa nova tempada de actividades co Contomar, un contacontos para nenos e nenas de máis de tres anos e as súas familias que, como en anos anteriores, terá lugar todos os luns ás 18:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar. Nesta primeira sesión da súa sexta tempada, o Contomar presentará as historias O señor Ramón e a señora Ramona, Se eu fose un gato, Paco ou Grisela.

Con esta actividade ábrese a sexta tempada de actividades de Espazo Lectura, que continuará até finais de xuño do 2013 coas súas liñas de traballo habituais e algunhas novidades. Serán en total máis de cen actividades, abertas e gratuítas, tanto para público infantil como para público adulto, nas que vos convidamos a participar.

28/9/12

Espazo Lectura participa nunha mesa redonda sobre tradución en Compostela

Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, participa este sábado 29 de outubro nunha mesa redonda baixo o título "A tradución literaria: unha cadea de pensamento", que organiza a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación con motivo do Día Internacional da Tradución 2012. O acto terá lugar ás 18:00h no Kunsthalle (rúa da Conga, 8 - Santiago de Compostela) e nel preténdese favorecer unha reflexión sobre os distintos momentos da cadea de pensamento que é a tradución literaria. Espazo Lectura presentará a súa visión desde a perspectiva dos lectores e lectoras, tendo en conta a experiencia dos seus clubs de lectura. Ademais desta visión que achegará Concha Costas, na mesa redonda participarán tamén Antonio Martín (corrector), John Rutherford (tradutor), Manolo Bragado (editor) e Pablo Couceiro (libreiro), e actuará como moderadora Belén Regueira.


27/9/12

«A fogueira dos versos» pechou a tempada anterior

Continuamos dando conta da derradeira actividade da tempada anterior, que se produciu o pasado 23 de xuño. Esa noite celebramos na Casa da Lectura a actividade coa que Espazo Lectura pecha cada tempada: a Fogueira dos Versos.  Como vén sendo habitual, fixemos un pequeno lume que nos serviu para asar uns chourizos, compartindo a cea, a conversa, a lectura de poemas e a maxia da fogueira. 
Evidentemente, tamén houbo música, baile e herbas de San Xoán, axeitadas para esa noite, coa intervención dun grupo de rapeiras ao estilo Leo Arremecághona. 
Posteriormente, gozamos cunha actuación do Mago Cali, que nos fixo rir e sorrir, abraiándonos coa capacidade poética da súa maxia.




Reproducimos tamén un vídeo gravado por Pedro Telmo para O xornal do Val Miñor, a quen lle agradecemos a súa atención.

25/9/12

Así foi a última Noite na Biblioteca

Os días 2 e 3 de xuño pasados Espazo Lectura celebrou a V Noite na Biblioteca, coa que se pechaba a tempada de actividades infantís. Como é habitual, as actividades comezaron pola tarde, aínda que, no canto de celebrarse ao aire libre, como estaba anunciado, tivemos que trasladar unha parte ao pavillón de deportes por mor da chuvia. Acompañados dun grupo de músicos da banda de Vincios e de catro guías, alí chegaron os nenos e nenas coas súas familias para participar na inauguración simbólica do Museo do Conto de Gondomar. Unhas caixas enormes que agochaban as pezas do museo foron abríndose para deixar saír personaxes e historias de contos que os nenos e nenas podían ir adiviñando a través dun xogo de pistas. Un percorrido e unha inauguración moi especial que se recollen neste fantástico vídeo elaborado por Rebeca Tizón Rey, a quen lle damos as grazas pola súa colaboración:




Tamén o fotógrafo Manuel G. Vicente fixo unha reportaxe en imaxes do acto (e dos preparativos):




Logo da inauguración, regresamos á Biblioteca Municipal onde os participantes puideron asistir a unha sesión de contos, cancións, adiviñas, poemas e lengalengas a cargo de Inacio Vilariño e o seu espectáculo Burromaquia:


Ao remate desta sesión, e xa só cos 30 nenos e nenas que estaban inscritos para quedar a durmir na biblioteca, comezou a segunda parte da actividade: ceamos, lavamos os dentes, puxemos os pixamas e asistimos ao espectáculo Maldita poesía! a cargo de Fran Alonso:


Chegada a hora meiga, a biblioteca acolleu unha orixinal proposta de contos e ilustración: as Ollofábulas. A contadora Charo Pita púxolles palabras ás historias, ao tempo que o ilustrador Óscar Villán debuxaba e convidaba a debuxar aos nenos e nenas.


Houbo tempo para compartir lecturas, para durmir e, xa de mañá, para xogos, agasallos, almorzo e despedidas.





23/9/12

A Xunta directiva reuniuse para preparar a nova tempada 2012-2013

Logo do verán, a Xunta Directiva de Espazo Lectura celebrou o pasado sábado 15 de setembro unha reunión de día completo (de 10 a 14 h. e de 16 a 20,30 h.) para falar do funcionamento e futuro de Espazo Lectura e, sobre todo, para preprar e programar a nova tempada, que comeza o próximo 1 de outubro e que se desenvolverá ata xuño de 2013.
Tendo en conta as propostas e reflexións que se recolleran na reunión do Consello Operativo celebrada o pasado 3 de xullo, botaremos a andar nesta tempada 2012-2013 unha programación con máis de cen citas estables na que, amais de darlle continuidade a todas as actividades que xa se realizaban en tempadas anteriores, imos tentar incorporar dúas novas liñas de traballo: o Comando Le, dirixido a rapaces e rapazas de 12 a 15 anos, e unha proposta lectora para o entorno dos bebés.

Mentres non comeza a nova tempada, deixarémosvos aquí dúas crónicas pendentes do final da tempada pasada: a V Noite na Biblioteca e a IV Fogueira dos versos. Esperámosvos a semana que vén no Contomar, no Sete vidas e na Casa da Lectura.


26/7/12

As actividades volven despois do verán

As actividades de Espazo Lectura volven despois do verán: o Contomar o luns día 1 de outubro, o club Sete vidas o martes 2, a Casa da Lectura o mércores 3, o club Lecturas debuxadas o martes 16 e o club Lendo contigo o sábado 27 de outubro. En agosto estamos de vacacións e en setembro andaremos xa preparando a posta en marcha da nova tempada de actividades 2012-2013, na que esperamos seguir contando co apoio e a participación de todas as persoas -as de sempre e as novas- que queiran achegarse ao proxecto de Espazo Lectura para compartir tempos e espazos para a lectura, tanto a través da nosa programación infantil como da de adultos.

Por se vos apetece aproveitar o verán para ir adiantando lectura, lembrámosvos os títulos cos que abriremos a próxima tempada. No club Sete vidas do 1 de outubro falaremos de Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, publicado pola editorial Galaxia, nunha sesión na que teremos a oportunidade de conversar co autor. O club Lecturas debuxadas do 16 de outubro xirará arredor do cómic Cabana de Balieiros, publicado por Demo Editorial. O seu autor, Tokio, tamén estará na sesión para conversar cos asistentes. Convidados quedades para estas dúas citas da próxima tempada! Que teñades boas vacacións e boas lecturas...