20/4/10

Xogamos cos contos na Casa da Lectura

Na sesión desta semana na Casa da Lectura non imos ler contos, máis ben, poremos a proba a nosa memoria e descubriremos canto sabemos sobre eles. Pero non só iso: cantaremos cancións de contos, falaremos de personaxes de conto, buscaremos os tesouros que agochan... En definitiva, este mércores, na Casa da Lectura: Xogamos cos contos!
A actividade, que forma parte da programación especial da Semana do Libro e Lectura, comezará ás 18.30h e, unha hora antes, as portas da Casa da Lectura xa estarán abertas.

Deseguido, pódense ver algúns momentos da sesión da semana pasada dedicada ao libro Jan estivo alí.

19/4/10

O ilustrador David Rubín participa no Club Lecturas Debuxadas

David Rubín, un dos ilustradores e autores galegos de cómic máis recoñecido e premiado, estará no Club Lecturas Debuxadas dentro da programación especial da Semana do Libro e a Lectura. A cita será o martes 20 a partir das 20.00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar.
Durante a primeira hora, os lectores e lectoras poderán falar sobre o cómic Onde ninguén pode chegar, a lectura proposta para este mes. Despois, o propio autor achegarase á biblioteca para falar tanto desta obra como do seu traballo en xeral. A entrada é libre.

O libro

O cómic Onde ninguén pode chegar foi gañador do premio Castelao de Banda Deseñada en 2005, instituído pola Deputación Provincial da Coruña e publicado por Edicións Lea. En decembro de 2005, a historieta tamén foi publicada en castelán pola editorial vasca Astiberri, integrada na novela gráfica El circo del desaliento.

Onde ninguén pode chegar conta a historia dunha antiga parella que se reencontra dez anos despois da súa ruptura. Rubín vai alternando na narración o pasado e o presente. A intriga do relato se mantén ata a última páxina, que é cando o lector pode atar todos os cabos.O autor

David Rubín naceu en Ourense en 1977. A pesar da súa xuventude, David Rubín é un veterano debuxante de comics de reputada traxectoria no deseño e a ilustración galega e estatal dos últimos anos, obtendo numerosos galardóns tanto en certamos galegos coma estatais: Premio Castelao de BD con Onde ninguén pode chegar; certame Na Vangarda da Xunta de Galicia; Premio INJUVE 2006 do Ministerio de Cultura; Premio Autor Revelación 2006 no Salón Internacional do Cómic de Barcelona…

É colaborador habitual en diversas publicacións de cómic e ilustración (BDBanda, Barsowia, Humo, TOS, Dos Veces Breve...). O seu primeiro álbum de BD en solitario, editado por Astiberri Edicións, El circo del desaliento, é un éxito de crítica e vendas, e grazas a el acadou a nominación “Autor Revelación 2005” nos premios do Salón do Cómic de Barcelona.

O seu segundo álbum, La tetería del Oso Malayo converteuse nun dos máis exitosos a nivel de crítica e público en todo o Estado.

Dentro do campo da animación, desenvolve a súa actividade profesional en Dygra films onde participou no filme O Soño dunha noite de San Xoán ou O Espírito do Bosque e prepara novas incursións editoriais para o mercado galego, español, francés, italiano e portugués.

18/4/10

Semana do Libro e a Lectura. Primeira cita: sesión especial no Contomar

A primeira actividade da Semana do Libro e a Lectura será o luns 19 a partir das 18.00h na Biblioteca Municipal de Gondomar. Consistirá nunha sesión especial do Contomar (contacontos para nenos e nenas de 3 a 9 anos) a cargo da actriz Teresa González Costa, que virá darnos unha “Conferencia fantástica”.

Teresa González Costa
Naceu no Grove en 1975. É actriz en diversas compañías e ofrece espectáculos de contacontos e fomento da lectura para público infantil e xuvenil. Tamén é autora de diversas pezas de teatro. Despois de ser mención especial no certame Barriga Verde 2004, e finalista no Rafael Dieste 2005, acada no 2008 o XVII Premio Álvaro Cunqueiro con Sempre quixen bailar un tango (Xerais 2009) e o III Premio Manuel María de literatura dramática infantil con Pingueiras e tarteiras (Xerais 2009).

15/4/10

Semana do Libro e a Lectura


Entre o luns 19 e o sábado 24 de abril, Espazo Lectura (en colaboración co Concello de Gondomar) celebra a Semana do Libro e a Lectura con actividades todos os días. O acto central será o 23 de abril, Día do Libro, cando celebraremos o III Dar de ler coma quen dá de beber, que este ano leva como subtítulo Lecturas na taberna, xa que será a xamonería Catro Camiños de Gondomar a que acolla a sesión de lecturas en voz alta. Ao longo da semana, iremos informando de todas as actividades, que podedes coñecer picando sobre as imaxes.

13/4/10

"Jan estivo alí", na Casa da Lectura

A actividade lectora dos mércores na Casa da Lectura vai xirar esta semana arredor dun álbum ilustrado que combina arte e literatura: Jan estivo alí, de Xosé A. Neira Cuz (editado por Galaxia). A través deste conto, e doutros libros de arte, mergullarémonos no interior do famoso cadro pintado por Jan van Eyck en 1434, O matrimonio Arnolfini, e descubriremos os todos os segredos que agocha.
Será o mércores 14, na Casa da Lectura, a partir das 18.30 horas.

Nas seguintes imaxes, pódense ver varios momentos da sesión da semana pasada, que estivo dedicada ao conto A casa da duna.

Contomar: cumprecontos e outras historias

Este luns volveu o Contomar tras as vacacións de Semana Santa. O conto protagonista foi A verdadeira historia de Carapuchiña (Kalandraka), o libro escollido por Ana para celebrar o seu sexto aniversario. Ademais de celebrar o cumprecontos de Ana, contamos outras historias: Eduardo, o neno máis terrible do mundo (Kalandraka), A bufanda de dona Melosa, de Marta Rivera (Everest) e Unha de lobos, de Chus Ferrín (Baía).

11/4/10

Espazo Lectura recolle o Premio Irmandade do Libro 2009 na modalidade de Fomento da Lectura

No momento da entrega a Espazo Lectura do XIX premio "Irmandade do libro" 2009 na modalidade de Fomento da Lectura, o xurado valorou a ampla oferta de actividades da nosa asociación (con 12 actividades mensuais) e a aposta pola implicación das familias na creación do hábito lector.
Pola súa parte, Concha Costas agradeceu aos socios e socias, tanto individuais coma protectores, o apoio decidido a esta iniciativa e destacou o traballo de normalización lingüística e cultural que tamén desempeña Espazo Lectura ao traballar fundamentalmente co libro galego e cos seus autores e autoras. Así mesmo agradeceu ao xurado e á Federación de Libreiros de Galicia a concesión do premio.

Dende aquí queremos felicitar ao resto de gañadores nas diferentes modalidades, que foron os seguintes:
- Autor/a: Luz Pozo Garza.
- Libro do ano 2009: A praia dos afogados, de Domingo Villar (Galaxia).
- Obra editorial do ano 2009: Colección Contemporánea da editorial Rinoceronte.
- Institucións: Asociación Cultural Monte Branco de Ponteceso.
- Centros de ensino: CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra).
- Libraría: Porta da Vila de Viveiro.

Espazo Lectura, Premio Irmadade do Libro 2009

Espazo Lectura recibiu esta noite, na vila luguesa de Sarria, o Premio Irmandade do Libro 2009 na modalidade de Fomento da Lectura polo traballo desenvolvido no Val Miñor ao longo do ano 2009. Estes premios, que son concedidos anualmente pola Federación de Libreiros de Galicia, fallaronse esta pasada noite no Hotel Alfonso IX de Sarria e estiveron presentes libreiros, escritores, editores, bibliotecarios e autoridades. Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, recolleu o galardón, consistente nunha figura alegórica de bronce, deseñada para os Premios Irmandade do Libro polo artista lucense Ismael López Fernández, así como 2000 euros en libros que formarán parte do patrimonio bibliográfico da Casa da Lectura, en Donas (Gondomar). A modalidade de Fomento da Lectura ten por obxecto premiar calquera tipo de actividade realizada para o fomento da lectura, coa utilización de soportes tanto impresos como virtuais (páxinas web, internet) e que asemade contribuísen á promoción e divulgación do libro e a lectura durante o ano 2009. Na pasada edición foron galardonadas nesta modalidade as Bibliotecas Públicas do Concello de Oleiros.
A escritora Luz Pozo Garza resultou elixida gañadora na modalidade de mellor autor do ano.
Desde Espazo Lectura queremos manifestarlles aos libreiros e libreiras de Galicia, así como aos membros do xurado, o noso agradecemento polo seu apoio e confianza no noso proxecto.

9/4/10

A editorial Rodeira, novo socio-protector de Espazo Lectura

Desde Espazo Lectura queremos darlle a benvida e agradecerlle a súa colaboración e o seu compromiso co noso proxecto de dinamización lectora á editorial Rodeira, que se incorpora como socio-protector de Espazo Lectura. A editorial Rodeira, que forma parte do Grupo Edebé, está radicada na Coruña e dedícase a publicar libros en galego, tanto obras de literatura infantil e xuvenil como libros de texto e material educativo. Foi fundada no ano 1992 e entre as súas coleccións máis coñecidas polos pequenos lectores están: Tren azul, Os meus contos favoritos de tren azul, Tucán azul, Tucán verde, Tucán laranxa, Tucán vermello, e a colección Panocha. No catálogo da editorial Rodeira figuran unha importante nómina de autores, dos que algúns, como Fina Casalderrey, Gloria Sánchez ou Agustín Fernández Paz, participaron nas sesións do club de lectura compatida Lendo Contigo, de Espazo Lectura.
Os socios protectores de Espazo Lectura son, segundo os propios estatutos da organización, "aquelas persoas físicas ou xurídicas que, a xuízo da Xunta Directiva, contribúen materialmente e de forma notable ao sostemento da asociación". Rodeira súmase así a outras editorias que xa forman parte de Espazo Lectura como Galaxia, Kalandraka, Xerais e OQO, así como Patasdepeixe, que se incorporará proximamente. Deste xeito, entre editoras, empresas culturais e centros de ensino, Espazo Lectura suma xa 17 socios protectores aos que a asociación lles quere expresar o agradecemento polo seu apoio.

8/4/10

Créase o Consello Operativo

Co fin de fortalecer e consolidar a estrutura organizativa de Espazo Lectura, a Asemblea Xeral da asociación aprobou no pasado mes de marzo a creación do Consello Operativo, un órgano instituído a través do Regulamento de Réxime Interno. O Consello Operativo é un órgano de debate que terá a misión de avaliar as liñas de traballo de Espazo Lectura, xerar o debate interno e realizar propostas de actuación cando o considere conveniente. Outra das finalidades do Consello Operativo é procurar a integración das persoas do ámbito de traballo da asociación nas liñas estratéxicas que marcan os estatutos de Espazo Lectura, así como a súa familiarización cos obxectivos da asociación.

6/4/10

Da casa da lectura á casa da duna

O mércores 7 de abril, na Casa da Lectura, imos dedicar a sesión semanal de fomento da lectura ao conto A casa da duna (Edicións Xerais, 2002). Vide preparados para bater con ondas de todas as cores, recoller cunchas con buratos e saber como son os ovos de avepótamo...
A actividade será a partir das 18.30 horas e unha hora antes as portas da Casa da Lectura xa estarán abertas para quen a queira visitar.

Estas son imaxes que recollen diferentes momentos da sesión anterior dedicada ao autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2010, o poeta Uxío Novoneyra.