18/10/09

O Club Lecturas Debuxadas comeza a tempada coa visita de Kiko da Silva

O martes 20 de outubro arrinca a nova tempada do Club Lecturas Debuxadas cunha sesión especial na que contaremos coa presenza de Kiko da Silva. O ilustrador estará na Biblioteca de Gondomar a partir das 20.00 horas para falarnos sobre a situación da banda deseñada en Galicia e de todos os proxectos nos que traballa: as revistas Retranca e Bdbanda, a súa serie de banda deseñada Fiz nos biosbardos, os álbumes ilustrados e as colaboracións que publica en La Voz de Galicia e El Jueves, etc.

Ademais, ese mesmo día 20 inaugurarase na Casa da Cultura a exposición As bases da banda, da que xa se falou no club. A exposición permanecerá en Gondomar ata o 14 de novembro.


As xornadas "Lendo en familia" na rede

Diferentes medios electrónicos recolleron información sobre o desenvolvemento das xornadas Lendo en familia organizadas por Espazo Lectura o 16 e 17 de novembro:

- Faro de Vigo
- A Nosa Terra
- Vieiros
- Galicia Hoxe
- Praza das Letras
- Asociación de Escritores en Lingua Galega
- O Lar de Frianciño
- A Tartaruga Lectora
- Asociación Galega de Editores

17/10/09

Twitter, a lectura e as xornadas

Durante a tarde de hoxe, Espazo Lectura informou en tempo real acerca do desenvolvemento das xornadas "Lendo en familia". A través de case 40 microposts, demos conta de moitas das afirmacións importantes dos convidados. Con todo, a baixa intensidade do sinal da conexión á rede do Centro Neural de Gondomar e o colapso de Twitter (Twitter is over capacity) fixeron difícil o microblogueo, que puido ser máis dinámico. En calquera caso, mañá, se as condicións técnicas nolo permiten, seguiremos informando durante todo o día. Do acontecido, xa queda testemuño aquí. Léano, por favor. Porque como asegurou Cristina Novoa, "non podemos reducir a lectura á actividade daqueles que len literatura. Hai outro tipo de textos e entender isto é fundamental."

16/10/09

Arrincan as xornadas 'Lendo en familia'

Esta tarde, ás cinco, darán comezo no Centro Neural de Gondomar as xornadas "Lendo en familia", que Espazo Lectura organiza coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Gondomar. O prazo de admisión pechouse con 60 persoas inscritas e coa sala ao límite da súa capacidade, proba do interese e a preocupación que o tema suscita na cidadanía.
Desde o mesmo momento da inauguración, Espazo Lectura irá informando do desenvolvemento das xornadas e das principais declaracións dos convidados en tempo real a través de twitter. A partir das 17,30 h. toda a información poderá ser seguida desde aquí. A retransmisión abordará a sesión inaugural, unha conferencia de Concha Costas (presidenta de Espazo Lectura) e unha conferencia de Cristina Novoa (asesora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación). Posteriormente, os asistentes trasladaranse en autobús á Casa da Lectura para asistir a unha sesión de contacontos a cargo de Rosana Estévez (coordinadora da área de dinamización de Espazo Lectura).
Ao día seguinte, sábado, novamente desde twitter, informaremos acerca do taller impartido por Paula Carballeira, a presentación dos materiais, a mesa redonda de Dolores Vilavedra e María do Cebreiro, así como a conferencia de clausura impartida polo escritor Agustín Fernández Paz.

9/10/09

Xa está aberto o prazo para participar nas Xornadas Lendo en familia

Os días venres 16 e sábado 17 de outubro, no Centro Neural de Gondomar, terán lugar as Xornadas Lendo en familia que organiza Espazo Lectura en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Estas xornadas, destinadas fundamentalmente a nais e pais interesados en fomentar o hábito lector nos seus fillos e fillas, queren servir de formación e de intercambio de experiencias para que nais e pais se sintan máis seguros e acompañados nese fascinante camiño. Ao longo deses dous días poderemos:
  • aprender a contar contos e a ler cos nosos fillos e fillas
  • divertirnos e aprender trucos e ferramentas que podemos utilizar neste proceso
  • reflexionar sobre a importancia da lectura na formación dos nenos
  • coñecer que se está a publicar en literatura infantil e xuvenil
  • asistir a sesións de contacontos que nos sirvan de modelo
Malia estaren destinadas a adultos, durante a celebración das xornadas haberá un servizo de ludoteca para atender os nenos e nenas mentres as nais e pais asisten ás diferentes sesións. Ademais, cada un dos dous días haberá unha actividade na que tamén poderán participar os pequenos.


PROGRAMA

Venres, 16 de outubro

  • 17.00 h: Inauguración.
  • 17.30-18.30 h: Conferencia inaugural a cargo de Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, baixo o título "Ler en familia: unha responsabilidade e un pracer".
  • 18.30-19.30 h: Cristina Novoa, asesora de bibliotecas escolares da Consellería de Educación da Xunta de Galicia: "Familias lectoras e bibliotecas: aquí facemos falta todos!"
  • 19.30-20.30 h: Traslado en autobús á Casa da Lectura (Donas) e sesión de contacontos a cago de Rosana Estévez, vicepresidenta de Espazo Lectura e coordinadora da área de dinamización (participarán tamén os nenos e nenas).

Sábado, 17 de outubro
  • 10.30-11.30 h: Paula Carballeira, escritora, contadora e actriz: "Mañas para contar un conto".
  • 12.00 h: Contacontos de Paula Carballeira (participarán tamén os nenos e nenas).
  • 13.00 h: Visita á exposición de materiais e presentación da Guía das xornadas.
  • 14.00-16.30 h: Xantar.
  • 17.00-18.30: Mesa redonda "A experiencia de medrar nunha casa na que se le", na que participarán Dolores Vilavedra, profesora da Universidade de Santiago e nai nunha casa na que se le, e María do Cebreiro, escritora e filla nunha casa na que se le.
  • 19.00-20.00 h: Conferencia de clausura a cargo do escritor Agustín Fernández Paz baixo o título "A descuberta do mundo".


COMO PARTICIPAR


Se desexades asistir ás xornadas, podedes incribirvos gratuitamente a través do enderezo electrónico espazolectura@gmail.com ou chamando ao número 619 292 991 antes do 14 de outubro.

Podedes ver o díptico das xornadas en PDF picando sobre a imaxe que aparece na marxe superior dereita deste blog.

8/10/09

A Casa da Lectura encheuse de animais imaxinarios

Na actividade deste mércores, a Casa da Lectura estivo habitada por unha chea de animais imaxinarios. Comezamos a sesión buscando entre as páxinas dun conto o escondite do Ziezozaurus, un dinosauro grandullón ao que lle gusta moito xogar ás agachadas.
Despois, coa axuda do libro Imaxina animais, soubemos que moitos dos obxectos que temos nas nosas casas en realidade son animais imaxinarios e que existen tantos como a nosa imaxinación sexa capaz de crear.
Por exemplo, soubemos que as fregonas non son fregonas, senón unha clase de polbos; que os abrelatas en realidade son tiburóns e se chaman tibulatas; que os plátanos, mellor dito, os platafiños, son un tipo de golfiños, ou que as cremalleiras dos nosos pantalóns son serpes: as serpelleiras...
Para rematar, creamos o noso animal imaxinario: cunha pinza da roupa, un clip e unha cartolina fixemos bolboretas que tiveron moitos nomes: pinzareta, pinzabolboreta, pinzaflor, bolborroupa...

7/10/09

Varios colexios de Gondomar participarán mañá nunha actividade de animación lectora xestionada por Espazo Lectura

Cen nenos e nenas, de entre 9 e 11 anos, do CEIP Souto-Donas e do CEP Neira Vilas de Peitieiros asistirán mañá día 8 á mañá a unha sesión de animación lectora na Biblioteca Municipal de Gondomar a cargo do mago Chrystyan Magic e o seu espectáculo Lingua máxica, baseado no libro O sorriso de Rosalía da autora Cristina Sáez Cazallas.

A actividade, xestionada en Gondomar por Espazo Lectura, está promovida pola editorial Everest e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, co apoio da Biblioteca Municipal de Gondomar.

Os nenos e nenas recibirán como agasallo cadanseu exemplar do libro O sorriso de Rosalía. Esta actividade complementarase con outras dúas sesións doutro espectáculo programado para o día 29 de outubro.

Hoxe, coma todos os mércores, abre a Casa da Lectura


Esta tarde, de 17.30 a 19.30 horas, a Casa da Lectura terá as súas portas abertas e ofrecerá unha nova actividade de animación á lectura a partir das 18.30.
Desta volta, a actividade consistirá nunha sesión de contacontos destinada a nenos e nenas de máis de 3 anos, que terá o poder da imaxinación como protagonista.

6/10/09

Sesión especial do Contomar coa presenza de Yolanda Castaño






Máis de 50 nenos e nenas participaron onte, na Biblioteca de Gondomar, na sesión inaugural da nova tempada do Contomar, que correu a cargo da polifacética escritora Yolanda Castaño. Yolanda presentounos o seu último conto infantil publicado, Cando eu saiba ler (Galaxia, 2009).
Ondas do mar, gatos monteses, griliños cri-cri, árbores azuis e rabos de cans xogaron coas vogais, compuxeron versos e falaron de palabras que son como caramelos e que voan polos aires. Logo, Yolanda Castaño tamén nos contou as aventuras de Punver, un divertido e estrafalario punki-vermiño.
E, ao remate, unha gran sorpresa: o agasallo do conto Cando eu saiba ler asinado pola autora para todos os nenos asistentes.

O próximo luns 12 de outubro non haberá Contomar, por ser festivo. As sesións reanudaranse o luns 19 de outubro e será entón cando celebremos os cumprecontos de todos aqueles nenos e nenas que fixeron anos durantes estes últimos meses.

5/10/09

A novela "Festina lente" abre a nova tempada do Sete Vidas

Este martes 6 de outubro, ás 20.00 horas, reanudamos as sesións mensuais do Club de Lectura Sete Vidas que se celebran na Biblioteca de Gondomar.

O libro sobre o que se vai falar e debater é a novela Festina lente, de Marcos Calveiro, publicada por Xerais. Trátase dunha novela que está a ter unha grande acollida entre o público na cal se narra unha historia, ambientada na Compostela do século XVII, de intrigas arredor do mundo do libro e do coñecemento nun tempo de intolerancia.

Visita do autor
Esta sesión completarase o día 23 de outubro cunha visita do autor, Marcos Calveiro, á libraría Libraida de Gondomar, onde falará sobre a súa novela e manterá un encontro cos lectores e lectoras.

Marcos Calveiro
Marcos Calveiro (1968), neto de feirantes e taberneiros, vive en Vigo, onde desenvolve a súa actividade profesional como avogado. En 2006 publicou unha novela xuvenil, Sari soñador de mares. Ese mesmo ano aditouse o poemario Cartas do terceiro día (VII Premio de Poesía Concello de Carral). En 2007 deu á luz outra novela xuvenil, Rinocerontes e quimeras e ese mesmo ano recibiu o XVIII Premio Ala Delta pola súa novela O carteiro de Bagdad. Festina lente (Xerais 2008) é a súa primeira novela para público adulto.
Marcos Calveiro é tamén autor do blog Alfaias.

O Club de Lectura Sete Vidas
O Club de Lectura Sete Vidas está formado por un grupo aberto e variado de persoas que teñen en común o feito de que lles gusta ou lles apetece ler; que buscan orientacións para as súas lecturas ou que, simplemente, desexan compartir un anaco de tertulia. Reúnese unha vez por mes para, despois de ler un libro proposto, falar del, sen que iso supoña ningún tipo de obrigas nin compromisos.
Nalgunhas ocasións, as sesións compleméntanse coa visita dos autores/as ou tradutores/as dos libros, o cal achega un novo e interesante punto de vista ás lecturas.
O club está aberto a calquera persoa que se queira achegar o primeiro martes de cada mes á biblioteca de Gondomar.

2/10/09

A poeta e presentadora Yolanda Castaño e o ilustrador Xosé Tomás abren a nova tempada do Contomar

O vindeiro luns 5 de outubro, ás 18.00 horas, Espazo Lectura realizará na Biblioteca de Gondomar unha sesión de contacontos especial con motivo da inauguración da nova tempada do Contomar.
A actividade estrela de Espazo Lectura, destinada a nenos e nenas de 3 a 9 anos, contará nesta ocasión con dous convidados de luxo que serán os encargados de abrir as portas desta nova tempada do Contomar, que chega xa á súa quinta edición anual.
A escritora Yolanda Castaño (poeta e presentadora do programa Cifras e letras da TVG) e o ilustrador Xosé Tomás realizarán un contacontos e un obradoiro de ilustración a partir do libro Cando eu saiba ler, do que son coautores, publicado pola editorial Galaxia.
A partir dese día, mantendo os horarios do ano pasado, todos os luns haberá Contomar.

Nas imaxes, a cuberta de Cando eu saiba ler e unha foto de Yolanda Castaño e Xosé Tomás nunha das presentacións do libro.

1/10/09

Contos e collages na primeira sesión da Casa da Lectura

A Casa da Lectura acolleu onte a primeira sesión de dinamización desta nova tempada da man de Beatriz Núñez. Contáronse primeiro os contos Pancho e A viaxe de Pancho, de Antonio Santos (Kalandraka) e logo os vinte e cinco nenos participantes recortaron, pintaron e pegaron cabezas, patas, trompas e teas de cadros para darlles vida aos seus propios Panchos, que alí quedaron, durmindo entre os libros e os soños da Casa da Lectura.