10/2/08

Penúltimos en lectura

Hoxe resulta especialmente interesante ler no Faro de Vigo o artigo de Manuel Bragado sobre a lectura. Titúlase "Penúltimos en lectura" e reflexiona sobre os últimos datos de hábitos lectores feitos públicos esta semana. Como asegura no seu artigo, «non podemos esquecer que os hábitos de lectura e de compra de libros son considerados internacionalmente como os referentes máis fiables para comparar o desenvolvemento cultural e educativo de cada sociedade». Ademais, Bragado propón declara o ano 2009 como Ano da Lectura.

9/2/08

Os galegos, animais lectores?

Nunha entrevista, Alberto Manguel, escritor, editor e, sobre todo, amante da lectura, dicía que o ser humano se define como “un animal lector”. Non hai dúbida de que os galegos e galegas pertenzamos á especie animal (cando menos, non se demostrou o contrario), mais... pódese dicir que sexamos lectores?

A Federación de Gremios de Editores de España presentou o último estudo sobre hábitos de lectura e del despréndese que Galicia segue a ser a penúltima comunidade co índice de lectura máis baixo, xa que só o 51, 2% da poboación galega se declara lectora (moi lonxe do 56,9% da media de España). Mais este dato, sendo malo, non é o peor. O máis preocupante é que o número de lectores e lectoras diminuíu case dous puntos con respecto a hai dous anos (en 2006 o índice de lectura en Galicia situábase no 53%).

Ante estes datos, cales poden ser as causas das cales partir para albiscarmos un futuro máis alentador? Pode que atopemos algunha explicación se diriximos a nosa ollada cara ao estado das bibliotecas públicas. Na recente Lei do libro e da lectura (de decembro de 2006) defínese a biblioteca como un servizo público que garante o acceso á cultura, á información e ao coñecemento; con todo, sabemos que a realidade das nosas bibliotecas afástase moito dese obxectivo. Os escasos puntos de lectura están, polo xeral, mal dotados (en moitos casos coa ausencia de obras fundamentais) e con boa parte dos seus fondos obsoletos, tanto pola falta de novidades editoriais en formato libro como pola carencia de materiais audiovisuais e electrónicos, tan necesarios nunha biblioteca moderna.

É fundamental que nas familias se cree un espazo de lectura para que os pequenos e pequenas medren no pracer polo libro, pero o imprescindible é que as administracións asuman o reto da lectura como o máis importante dentro da política educativa e cultural e tamén das políticas de I+D+I, xa que só se pode investir en coñecemento creando bos lectores e lectoras.

8/2/08

O contomar énchese de crocodilos e xirafas

O próximo luns 11, coma sempre ás 18:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar, a sesión do Contomar abordará contos que teñen como protagonistas a crocodilos e xirafas. (Ler máis).


7/2/08

Antonio García Teijeiro en Lendo Contigo

O próximo autor que visitará o Club de lectura compartida Lendo Contigo será Antonio García Teijeiro. O encontro cos lectores e lectoras de Honorato, o rato namorado terá lugar na Biblioteca Pública de Gondomar o sábado 23 de febreiro (coma sempre, o derradeiro sábado do mes) ás 12:oo horas. O Club de lectura compartida Lendo Contigo é unha actividade de dinamización lectora que promove Espazo Lectura para nais e pais e para nenos e nenas de 8 a 11 anos.



Honorato, o rato namorado é un libro de prosa poética que fala de poesía. Porque Antonio García Teijeiro é fundamentalmente poeta. Por iso queremos propoñervos que, ademais de ler este libro, vos acheguedes tamén a algúns dos volumes de poesía do autor. Aquí vos deixamos algunhas recomendacións:

Lueiro de papel, Ed.Xerais, 1995.
Na fogueira dos versos, Ed. Xerais, 1996.
Unha chea de aloumiños, Ed. Galaxia, 1998.
Palabras envoltas en cancións, Ed. Galaxia, 2000.
Chove nos versos, Ed. Xerais, 2004.
Petando nas portas de Dylan, Ed. Galaxia, 2007.

4/2/08

Lectura na casa

Por Antonio García Teijeiro

Cada vez que saen estudos sobre hábitos culturais, índices de lectura ou o célebre informe Pisa, todo o mundo bota as mans á cabeza e culpabiliza a escola ou aos plans educativos dos resultados que reflicten. Poucos miran cara adentro e reflexionan para preguntarse polo ambiente lector no ámbito familiar. Eu penso que a lectura non debe impoñerse, senón facilitarse. A tarefa de fomento na escola non abonda e especialistas preocupados seguen a incidir na necesidade da implicación familiar, un hábito necesario para que os cativos imiten esta actividade silenciosa e solitaria.
Podemos seguir preguntándonos se se favorece na casa que os rapaces sintan o libro coma un obxecto cercano e que alguén se convirta en mediador entre os contos e os nenos. Hai consciencia de que a lectura non é un castigo nin unha perda de tempo, malia esixir un esforzo que poderá converterse en goce se perseveramos nela? Visitan os pais e nais as librerías ou as bibliotecas con eles para axudalos a elixir o libro máis axeitado? Non estou seguro de que se controlen os temas nin que se fomente a creación dunha biblioteca persoal infantil nos andeis das casas. Ou si?
Son preguntas que, a miúdo, dá medo contestar, pero que debemos facernos se queremos acadar que a nosa rapazada lea. E respondelas sen medo e con intelixencia. Non hai fórmulas máxicas (nin as haberá nunca) para facer nenas e nenos lectores, mais debemos ser conscientes de que é unha estampa fermosa ver os pequechos cun libro nas mans.Por iso, haberá que comezar nos fogares.

(Publicado en A Nosa Terra)

1/2/08

Vázquez Freire e o futuro

Outra parte da intervención do escritor Miguel Vázquez Freire na última sesión do Club de lectura compartida Lendo Contigo, na Biblioteca Pública de Gondomar,falando do seu libro Proxecto pomba dourada.


30/1/08

Miguel Vázquez Freire e os contos

Intervención do escritor Miguel Vázquez Freire na última sesión do Club de lectura compartida Lendo Contigo, o sábado 26 de xaneiro de 2008, na Biblioteca Pública de Gondomar, organizado por Espazo Lectura.

28/1/08

A paz, no Contomar

Esta semana celébrase o Día da Paz e o Contomar quere contribuír á necesaria reflexión sobre o que a palabra PAZ significa... (ver máis).

27/1/08

IX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Dende hoxe e ata o 2 de febreiro pódese visitar a novena edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que se celebra no Pazo da Cultura da cidade.

A edición deste ano ten como motivo principal o mar e dende a organización convídannos a que nos mergullemos "nun mar que ole a todos os salitres do mundo. Nas mareas viaxan letras escritas en todos os idiomas inventados que traen historias fabulosas de pobos submarinos, criaturas con branquias e correntes oceánicas. O mar é a patria dos recordos, a paisaxe da infancia, a banda sonora dunha emoción… e o acubillo dos poetas.”

Durante toda a semana poderemos nadar nun mar de lecturas e participar en actividades que van dende sesións de contacontos a presentacións de libros; dende obradoiros de pintura a representacións teatrais; dende conferencias a concertos...

Así que botemos man do flotador e a nadar!

23/1/08

Miguel Vázquez Freire no Club de lectura compartida Lendo contigo

Este próximo sábado 26 de xaneiro o escritor Miguel Vázquez Freire estará ás 12:oo horas na biblioteca municipal de Gondomar para participar na 2ª sesión do Club de lectura compartida Lendo Contigo, unha actividade de dinamización lectora que promoven Espazo Lectura e a ANPA As Pontes. O libro proposto para este encontro é Contos de Reis e de Nadal, aínda que se recomendaron tamén outros libros do autor como A malvada María Xosé, O neno que tiña medo dos robots/O robot que tiña medo dos nenos ou María é maior.




O Club de lectura compartida Lendo Contigo é unha actividade dirixida a nais e pais e a nenos e nenas de 8 a 11 anos. Comezou a súa andaina o pasado mes de decembro cunha 1ª sesión na que contamos coa presenza do escritor Agustín Fernández Paz e na que participaron 50 persoas. Propoñemos cada mes un libro para que o lean tanto os nenos que se apunten como o pai ou a nai, de xeito que poidan compartir impresións sobre a lectura e logo reunirse na biblioteca o último sábado do mes cos demais participantes para charlar sobre o libro.

O Club de Lectura Compartida Lendo contigo nace desde Espazo Lectura e a ANPA As Pontes como unha proposta complementaria do programa de contacontos Contomar que se celebra semanalmente desde hai case dous anos na Biblioteca Municipal de Gondomar e pretende darlle continuidade ao labor de dinamización lectora que desenvolvemos. Se co Contomar pretendiamos fomentar entre os máis pequenos o achegamento aos contos e o uso da biblioteca pública, con esta nova proposta queremos crear un novo espazo que lles permita aos nenos manter esa vinculación coa biblioteca e fomentar a lectura crítica e a capacidade para reflexionar sobre o que se leu.