27/3/12

Ratos de papel na Casa da Lectura

Na sesión de dinamización lectora deste mércores 28 de marzo leremos A máxica historia do rato Pérez (Rodeira) e aprenderemos a facer ratos de papel. A actividade comeza ás 18:30 horas na Casa da Lectura a todos os nenos e nenas que queiran achegarse e ás súas familias.

As seguintes fotos foron tomadas na sesión da semana pasada, dedicada á poesía.









26/3/12

Contacontos e títeres para os centros de ensino


Este próximo mércores 28 de marzo Espazo Lectura ofrécelles unha mañá de actividades aos centros de ensino da zona que son socios-protectores e que colaboran ao longo de todo ano na difusión das actividades de fomento da lectura que organiza a asociación. Na proposta, que conta co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar, van participar 350 nenos e nenas de sete centros de ensino da comarca: CEIP Souto-Donas, CEIP Serra-Vincios, CEIP Chano Piñeiro, CEP Neira Vilas-Peitieiros, CRA Antía Cal, CEIP Carlos Casares-Vilariño e CEIP A Cruz-Camos.

Ao longo da mañá, organizados en diferentes quendas e horarios, os nenos e nenas asistirán a dous espectáculos relacionados coa animación á lectura. No auditorio Lois Tobío representarase a obra O rapto da bibliotecaria, a cargo do grupo da Escola Municipal de Teatro do Concello de Vigo. A peza, que combina o teatro de actor e os títeres, está baseada na novela homónima de Margaret Mahy e narra a historia da señora Liboreiro, a bibliotecaria dunha pequena cidade,  secuestrada por un grupo de bandidos que pretenden conseguir un cuantioso rescate por parte do concello. Divertidas e disparatadas aventuras mestúranse coa vida nunha biblioteca como pano de fondo.


Ademais, os nenos e nenas asistirán tamén a unha sesión de contacontos, realizada na Biblioteca Municipal polo equipo de contadores de Espazo Lectura. A sesión, que terá como título Cociña de contos, inclúe as historias de Sopa de nada, A sopa queima e Sopa de soños. Na cociña da imaxinación coa tarteira dos soños cociñaremos sopas de conto e remataremos cun postre moi pomposo, sorbete de xampú, o preferido dos nosos cociñeiros.


Con esta dobre proposta, Espazo Lectura pretende agradecerlles aos centros de ensino a súa colaboración ao longo de todo o ano e ofrecerlles aos nenos e nenas dúas actividades vinculadas co mundo dos libros e a lectura, co obxectivo tamén de achegalos á Biblioteca Municipal, presentarlles os seus espazos e servizos, así como as actividades de dinamización que nela organiza Espazo Lectura.

25/3/12

Contomar

A miña amiga a escuridade (Baía Edicións), Petra , Lobo feroz ou Chocolata  (OQO), son algúns dos contos que se lerán este luns no Contomar. A sesión de contacontos, aberta a nenos e nenas a partir de 3 anos e os seus pais nais, comeza ás 18:00 horas na Biblioteca de Gondomar.

Velaquí algunhas imaxes da semana pasada.



 








22/3/12

Antón Cortizas, no Lendo Contigo deste sábado


O sábado 24 de marzo, a partir das 12:00 horas, terá lugar na Biblioteca de Gondomar a sesión mensual do Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais.
Nesta ocasión, o libro do que se vai falar é Vaia tropa!(Xerais, 2011), do escritor ferrolán Antón Cortizas.

Contaremos coa presenza do autor
Antón Cortizas estará con nós na Biblioteca de Gondomar para charlar cos nenos e nenas que participen na actividade.

O libro
Vaia tropa! é un libro de poesía do absurdo, do sen sentido, e está pensado para ser lido de formas diversas. Hai poemas que terás que ler de esguello e noutros precisas usar un espello e así poder ler do verso o reflexo. Como non era cousa de poñer só letras alguén debuxou algunhas caretas. E como os debuxos están contrafeitos usarás o espello para velos con xeito. Ao final do libro convidámoste a que inventes algún compañeiro para toda esta xente. Trátase, xa que logo, dun libro xogo, no que a sorpresa da lectura e das ilustracións conforman un conxunto que non pasará desapercibido ao lector.

O autor
Antón Cortizas Amado (Ferrol, 1954) é profesor. En 1986 gañou o premio Curuxa de Humor co relato A medio muller. Desde esa data, a súa dedicación á literatura infantil e xuvenil tenlle deparado moitos recoñecementos, como o premio Barco de Vapor por Memorias dun río (1988) e O conto dos sete medos (1991) e, tamén en dúas ocasións, o premio Xeración Nós de textos teatrais por O coleccionista de sombras (1990) e O incrible invento de Solfis a pianista (1994). Outros títulos publicados por Cortizas son Xiganano, ¿onde estás? (1990), O lapis de Rosalía (1992), A bruxa sen curuxa (1993), O merlo de ferro (1995), A merla de trapo (Premio Merlín 2001) ou ¡Cázame ese pensamento! (2001).

20/3/12

Poesía cos cinco sentidos na Casa da Lectura



Este mércores, 21 de marzo, celébrase o Día Mundial da Poesía e na Casa da Lectura queremos saborear poemas cos cinco sentidos: leremos, apalparemos, escoitaremos, uliremos e gustaremos da poesía.
Coa chisteira de Abrapalabra sacaremos o poeta que todos levamos dentro para poder descubrir a que sabe a lingua de O meu gato é un poeta.
Animádevos a vir este mércores a partir das 18:30 horas, e que agrome o poeta que levades dentro.

Nas imaxes seguintes recóllense diferentes momentos da sesión de dinamización lectora da semana pasada.


  







19/3/12

Cómic francés actual no Lecturas Debuxadas



O martes 20 de marzo, a sesión do club de cómic Lecturas Debuxadas estará dedicada á novela gráfica Polina (Diábolo Ediciones) do autor francés Bastien Vivès.
A cita é na Biblioteca Municipal de Gondomar a partir das 20:00 horas.

O cómic
Polina é unha historia sobre o ballet e a súa aprendizaxe, pero é moito máis, é unha historia sobre o crecemento persoal, sobre a lealdade, sobre a amizade, sobre o recordo, sobre as relacións cos nosos mestres, sobre a posibilidade de emendar os erros cometidos, sobre a nostalxia... Polina é a emoción contida e a emoción desbordada nas páxinas dun cómic. E é desas obras que confirman que a novena arte é a arte do século XXI.

O autor
Bastien Vivès é un dos autores máis prometedores do actual cómic europeo. Nace en París en 1984. Estuda debuxo nun liceo técnico e pasa tres anos na ESAG Penninghen de París, unha escola de deseño e artes gráficas. Con 22 anos e estando aínda en Penninghen, publica dous álbums de ilustracións con Danger Public. Uns anos máis tarde, decide enviar mostras do seu traballo Elle[s] a todas as editoriais que coñece. Casterman responde e dálle carta branca na liña Kstr; é o comezo da súa relación coa editorial. Máis tarde, na mesma editorial, publica El gusto del cloro (editado en castelán por Diábolo Ediciones), obra que chama a atención e recibe o premio "Essentiel Révélation" do festival de Agoulême. Diábolo Ediciones tamén publicou outras das súas obras, como En mis ojos, onde conta a historia dun encontro entre un mozo e unha moza, esta vez nunha biblioteca, que o lector ve a través dos ollos do narrador, e Amistad estrecha, onde narra a historia dunha amizade, tamén entre un mozo e unha moza, que evoluciona e transfórmase.


A continuación, pódense ver varias imaxes da sesión do mes pasado, cando estivo con nós Dani Montero, autor do cómic Sen mirar atrás.










17/3/12

O luns, Contomar


No Contomar do luns 19 leremos, entre outros, os contos Xil Moniz , Arco da Lúa (Kalandraka) e Cocorico (Oqo). A actividade de contacontos comeza ás 18:00 horas na Biblioteca de Gondomar.

Nas seguintes imaxes recóllense varios momentos do Contomar do luns pasado.